«Maelström, Maelström»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Con esta obra Manuel Sánchez Gálvez foi finalista do Premio de Novela por Entregas no 2015, ano no que tamén gañou primeiro premio do certame da Lonxa Literaria de Moaña

12 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A presenza do capitán Nemo na ría de Vigo, relatada por Verne en Vinte mil leguas baixo os mares, é unha das máis gozosas da literatura universal. Manuel Sánchez Gálvez (Granada, 1974) tíralle un gran partido a esta singradura do personaxe no seu debut literario, Maelström Maelström.

interneet

A súa novela parte da hipótese de que o capitán permaneceu en Vigo, onde rexistrou a súa estadía nun diario. É esta sorte de caderno de bitácora o que atopa unha muller, Amanda, que grazas a este testemuño coñece a vida e as inquedanzas dun personaxe fascinante. O diario móvese nas coordenadas da literatura de aventuras, pero o autor esculca tamén na complexa personalidade de Nemo, que lle permite abordar temas como a lealdade, os propósitos vitais ou ese gran clásico literario, a inmortalidade. Ao mesmo tempo, a novela afonda nas propias vicisitudes de Amanda, que sente a presión do seu traballo e a falta de tempo para coidar de Xiana, a súa filla, como a ela lle gustaría. Así, a narración alterna planos temporais e tamén os espaciais de Vigo, no pasado e no presente, nun paralelismo sobre a dificultade das probas ás que nos somete a vida. Con esta obra Manuel Sánchez Gálvez foi finalista do Premio de Novela por Entregas no 2015, ano no que tamén gañou primeiro premio do certame da Lonxa Literaria de Moaña.