Seis termos optan a se converter na Palabra do ano 2015 en galego

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

TOLGA BOZOGLU | Efe

Son feminicidio, xihadismo, refuxiado, rechouchío, indignación e plebiscitario

16 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Feminicidio, xihadismo, refuxiado, rechouchío, indignación e plebiscitario. Algunha pode que non lle soe e outras estará cansado de escoitalas porque están de máxima actualidade. Son os termos finalistas e candidatos a converterse na Palabra do Ano 2015, un concurso promovido polo Portal das Palabras, unha iniciativa que puxo en marcha a Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e popularización do léxico da nosa lingua.

As seis propostas pasaron primeiro unha criba na que nun principio se suxeriron un total de 174 termos distintos. De entre todos os candidatos se escolleron ao final os termos máis populares e que mellor se axustan ao espírito da iniciativa. Desde o pasado luns está aberto o proceso de votación para elixir a que será a Palabra do ano 2015, o que se pode facer ata as 24.000 horas do día 28 de este mes. Os interesados poden amosar as súas preferencias a través da páxina de Internet www.portaldaspalabras.gal/pabradoano/. O resultado darase a coñecer o mércores 30 de decembro.

As palabras que chegaron ao portal encádranse nas liñas de maior actualidade durante estes doce meses. Foro moi numerosos os termos relacionados coa crise dos refuxiados, como acollida, prexuízo ou solidariedade. Outro grupo importante de suxestións fixeron referencia a situación social e política e os sentimentos provocados na xente. É o caso de desafiuzamento, inestabilidade, marea, loita ou indignación, entre outras. Tamén chegaron palabras relativas a barbarie da violencia de xénero (muller, violencia, feminicidio) e do terrorismo fundamentalista (xihadismo, arreguizo, atentado...).

Outro foco de interese foron os procesos soberanistas (independencia, secesionismo, plebiscitario...). Aínda que tamén houbo outras persoas que valoraron máis os termos do mundo da tecnoloxía, como chiar, rechouchío ou selfie.

Fora das anteriores liñas tamén houbo propostas de voces eufónicas ou de evocación máis subxectiva, como orballo, paixón, agarimo, ledicina ou morriña. Pero non se axustaban á idea.