A cultura e a creación do país cítanse na RAG para festexar a palabra do vello profesor pontevedrés recollida no libro de La Voz
16 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A pouco que se escoitara a Xesús Ferro Ruibal, compréndese que a rodeira feita polo andar paseniño de Filgueira Valverde é a mesma que outros anchearon despois, máis tarde uns terceiros asfaltaron e hoxe despreocupadamente camiñamos todos. «Se Filgueira non se metera na boca do dragón non saberiamos de Galicia o que sabemos nin conservariamos o que temos», advertiu Ferro. A homenaxe de onte eríxese así nunha celebración da centralidade de Galicia, e os que alí festexaron a palabra do vello profesor pontevedrés representaban o espírito dun encontro na cerna do país, un abondoso grupo de intelectuais, académicos, autoridades públicas, políticos, lectores, amantes da poesía, veciños e, como ben anotou Xesús Alonso Montero, o futuro da lingua: os rapaces e os maiores, os estudantes do IES Adormideras da Coruña e os alumnos da Universidade Sénior. Todos xuntos, empeñados en construír Galicia e obrigados a facelo sobre os sólidos cimentos que deixou o traballo sen descanso de Filgueira Valverde. En Tabernas agromou un convencemento compartido: O noso Adral, a antoloxía preparada por Ferro Ruibal para La Voz, que se presentaba onte, é un bo comezo para levantar un proxecto común tirando dun fío nobremente tecido polo teimoso profesor, un fío que nos conecta co mellor do noso pasado e da memoria, coa idea de Galicia sempre na cabeza. Corroborouno Alonso Montero: «Hoxe celebramos a festa da palabra. A festa máis grande de Galicia, na que todos estamos de acordo, sen facer distincións de crenzas ou de ideoloxías. Non é o día da espada, da violencia, senón da palabra. País grande aquel que instituíu como o seu día maior o día da palabra».
Alonso Montero presidía onte a mesa na que sentaron o editor de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre; o director do xornal, Xosé Luís Vilela; o responsable do volume presentado, Ferro Ruibal; e o fillo do homenaxeado, Fernando Filgueira Iglesias, quen eloxiou o traballo feito: «En La Voz de Galicia meu pai sempre sentiu un trato especial, sempre atopou acubillo. O noso agradecemento é infinito».
Á cita asistiron tamén os académicos Rosario Álvarez, Xosé Luís Franco Grande, Andrés Torres Queiruga, Ramón Villares, Henrique Monteagudo ou Andrés Fernández-Albalat. Compartiron a celebración con representantes institucionais como a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez: o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o rector da universidade coruñesa, Xosé Luis Armesto; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; ou o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo. Tamén estaban o cantautor Amancio Prada, o debuxante Siro López, o poeta Luís González Tosar, o divulgador científico Jorge Mira, o exrector José Luis Meilán Gil e os editores Tucho Calvo, Francisco Rodríguez Iglesias e Eduardo Riestra.