Libros, documentais, cómics e rutas lembrarán a Díaz Castro
O Día das Letras Galegas coincide co centenario do nacemento do poeta
O 2014 está a ser e será un ano de ampla actividade en Guitiriz coa poesía de Xosé María Díaz Castro como eixe común. A coincidencia do Día das Letras Galegas co centenario do seu nacemento, do que se cumprirá a data exacta o vindeiro 19 de febreiro, ten servido de estímulo para que centros de ensino, asociacións e o Concello traballen arreo para que o autor de Nimbos sexa lembrado no seu concello natal con intensidade e agarimo.
O instituto da vila, que leva o nome do poeta, xa ten contribuído a espallar o nome de Xosé María Díaz Castro coa edición do documental A lus do mundo. Está dirixido por Cristina de la Torre, pero conta ademais cunha clara pegada do centro: por exemplo, a profesora Sandra Tenreiro puxo a música e o alumno David Gómez adaptou algún poema.
O documental xa se presentou na Coruña e en Lugo, pero a directora do instituto, Olga Aguiar, explica que tamén se tenta que xente de fóra se achegue a Guitiriz atraída por Díaz Castro. Para acadar ese obxectivo, engade, prevese deseñar unha ruta baseada en lugares vencellados coa vida e coa obra do poeta, nado na parroquia dos Vilares e enterrado no cemiterio da capital do concello.
A intención está clara: «Que os alumnos se sintan protagonistas», resume Aguiar, quen ademais subliña que os rapaces poden decatarse de que Díaz Castro «fala o galego que falan eles». O centro ten deseñado axendas co gallo deste ano tan especial, e xa se repartiron en colexios do concello e de Aranga (A Coruña).
Reedición
Xermolos, asociación coñecida por organizar o festival de Pardiñas dende hai décadas, ten un amplo fondo documental do poeta que este ano acadará máis coñecemento público. Por unha banda, vaise reeditar Nimbos; pero tamén sairá do prelo, cun estudo de Armando Requeixo, unha edición da poesía galega completa de Díaz Castro. Por outra, está prevista a aparición dun cedé con poemas seus.
En febreiro, ao cumprírense os cen anos do nacemento, inaugurarase unha exposición con paneis que percorrerán a vida e a obra do poeta: a mostra será itinerante, xa que se prevé que logo se instale en vilas e cidades galegas. Pensando xa no mes de maio, no que a Real Academia renderá homenaxe ao escritor polo Día das Letras Galegas, téntase -como explica Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos- a reedición dun cómic sobre Díaz Castro que se publicou hai anos. Tamén está proxectada a publicación dunha fotobiografía.
Un documental
Para febreiro, polo centenario do nacemento, o Concello ten prevista a proxección do documental O instante eterno, que está baseado no poeta e que inclúe testemuños de escritores e de amigos. Dirixiuno Xosé Antón Cascudo, nado tamén en Guitiriz, e xa se proxectou en Santiago e máis en Pontevedra, na feira Culturgal.