O descubrimento do amor e o sexo, segundo Marina Mayoral

F. Molezún A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Nas páxinas de «o anxo de Eva», editado por Xerais, está presente tamén un trasfondo social marcado pola violencia doméstica

13 nov 2013 . Actualizado a las 09:18 h.

«Eu tiña unha novela escrita que de súpeto, este verán, nada máis publicarse, quedou fóra da lei». Así describiu Marina Mayoral, onte, na biblioteca González Garcés da Coruña, a súa última novela, O anxo de Eva, editada por Xerais. A afirmación da autora obedece a unha modificación lexislativa que Mayoral explicou entre risas: «A idade do consentimento para ter relacións sexuais era de trece anos cando escribín a novela, pero nada máis publicarse esta pasou aos 16, de modo que a miña protagonista quedou fóra da lei».

Na súa conferencia, a escritora debullou os personaxes desta obra que trata sobre o espertar dunha adolescente ao amor e ao sexo. Unha nena de trece anos, Eva -baseada en boa parte na filla dunha amiga de Mayoral-, que a través da súa relación con Fran, un neno da súa escola, a súa amizade con Sol, e a presenza inmutable dun anxo particular, vai abríndose pouco a pouco ao mundo adulto sen perder en momento algún a candidez e a inocencia. Dende a descrición do sabor do primeiro bico -a xeado de chocolate, neste caso-, ao ensaio do que, segundo a protagonista, é unha mirada sexy, toda a labor de aprendizaxe dunha nena que deixa de selo queda plasmada nestas páxinas nas que está presente tamén un trasfondo social marcado pola violencia doméstica ou a desigual consideración social das relacións carnais, segundo o sexo de quén as practica.