Redacción / La Voz

A editorial Alvarellos publicará un libro con poemas inéditos de Aurelio Aguirre Galarraga (Santiago, 1833-A Coruña, 1858) que o propio editor, Henrique Alvarellos, localizou entre os fondos do Museo de Pontevedra no Arquivo da Deputación. Trátase de Recuerdos de agosto, un título que fai referencia ao verán que o escritor pasou en Vigo en 1856 despois da súa participación no polémico Banquete de Conxo o 2 de marzo dese ano. A obra, manuscrita mais encadernada en pel, contén unha versión distinta do Brindis de Aguirre en Conxo, ademais de entre 15 e 20 poemas inéditos, xunto con outros do libro Poesías selectas.

Alvarellos ten previsto publicar a obra na Colección Rescate, para o que xestiona unha cofinanciación institucional. «Trátase dun gran achado cultural, non só polos inéditos e as distintas versións doutros poemas, senón pola relación que mantiña Aguirre con Rosalía, Pondal e outros autores do Rexurdimento», valora Alvarellos.

A edición crítica de Recuerdos de agosto correrá a cargo da profesora Olivia Rodríguez-Tudela, quen subliña a nova perspectiva que os inéditos deitan sobre a obra xa publicada de Aguirre. «Teñen unha maior espontaneidade e naturalidade», explica. O achado tamén achegará nova información do contexto literario, o Romanticismo galego que se expresaba en español, no que Aguirre seguía o ronsel de Espronceda. «Murguía falaba del como unha gran promesa da literatura en Galicia e creo que paga a pena recuperalo porque non era un poeta menor. A literatura galega estaba formándose e el, como Pondal daquela, escribía en español. Quizais estaría no panteón de ilustres de non morrer tan novo», opina Rodríguez-Tudela, que se inclina máis pola teoría do accidente que a do suicidio para explicar a súa morte na coruñesa praia de San Amaro. Hoxe mesmo faría 180 anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Achado un libro inédito do poeta romántico Aurelio Aguirre