Lalín acolle o ciclo de arte «Diálogos improbables»

redacción / la voz

CULTURA

O proxecto consiste nun ciclo de seis exposicións coa participación de dous artistas que xerarán un diálogo artístico entre eles

03 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois da iniciativa Un disparo de advertencia, Lalín volve poñer un marcha un novo ciclo dedicado á arte. Neste caso, Diálogos improbables, un proxecto do comisario local Ángel Calvo Ulloa. Trátase dun ciclo de seis exposicións que conta, en cada unha delas, coa participación de dous artistas. En alusión ao título, en principio os creadores non terán nada en común, pero o comisario terá a responsabilidade de xerar o diálogo entre eles, por pouco probable que pareza.

O proxecto, que se prolongará durante un ano, comezou onte co diálogo entre os artistas Teo Soriano e Kepa Garraza. Ambos os dous son pintores, pero a súa disciplina non converxe en ningún punto. Son pintores de polos opostos, con intereses contrarios e carreiras que viaxan en direccións case que opostas.

Diálogos improbables celébrase nun local comercial nunha céntrica rúa, a de Pena Toares, de Lalín. O espazo onde se desenvolve leva o nome de NONLUGAR, un xeito de facer referencia ao provisional que marca esta iniciativa.