A fume de carozo

Fran Alonso

CULTURA

Cagoendiola, Varas!

Con todas as forzas de que foi capaz, Rica botou a man ao volante desde o seu asento e provocou que o todoterreo dese un xiro brusco e inesperado á esquerda. O vehículo realizou un caneo e acto seguido derrapou de cu, dando varios tombos que o desetabilizaron. En cuestión de segundos, e ao berro de, quieta, que fas, o Varas logrou volver controlalo con dificultades.

-Estás tola, Rica! Que carallo queres, suicidarte?

-Cagoendiola, que te confudiches, Varas! Colliches o acceso para Vigo en vez de coller o da Coruña, hostia. Nós imos á Coruña!

-Es unha caga-na-verza, Rica. Non me volvas facer iso! Nós o que imos é a fuxir da Garda Civil, Rica, que nos vén lambendo os calcañares, cona.

Rica volveuse para mirar a través do parabrisas traseiro.

-Aínda veñen moi atrás, pero acelera- dixo.

-Atrás o carallo, Rita. Veñen a fume de carozo.

Sen afrouxar o pé no acelerador, as rodas rinchaban na curva do carril de incorporación á autoestrada. O Varas non sacaba a vista do retrovisor.

-O que estaría ben sería botar algo ao asfalto que lles impedise a marcha, carallo.

Rica pareceu animarse.

-E logo que lles podemos tirar?

-Se lles soltamos un neno libramos, porque teñen que parar a recollelo.

Ela ceibou unha gargallada fofa. Contestou con ton retranqueiro.

-Chámalle parvo! Aforra parvadas que non está a ferraia para gaitas!

O Varas calou. Mirábaa intrigado, porque Rica abrira a guanteira e estaba a sacar todo o que contiña para guindalo pola ventá.

Espallados sobre o asfalto quedaron a lanterna, as luvas, as buxías, a chave inglesa, o desparafusador, o pano e o lapis.

-Estás tola, Rica!- riu o Varas -Non pretenderás detelos con iso?

O Nissan Patrol incrementou rapidamente a súa velocidade. O condutor poñía a proba todo o reprise do que dispuña a medida que se incorporaba á autoestrada. Os obxectos ciscados quedaron atrás.

O vehículo voaba. Sen abandonar nunca o carril rápido, adiantaba turismos e camións á máxima velocidade que o coche permitía. O Varas guiaba sen deixar de facer sinais de luces. Xa non podía albiscar os seus perseguidores a través do espello retrovisor. Máis relaxado, apañou un osiño de azucre do peto e meteuno na boca.

De brazos cruzados, encabuxada, Rica insistía en que non levaban a dirección correcta. A Coruña, como horizonte, desdebuxábaselle.

-Por aquí volvemos a Vigo, Varas!

El, en cambio, estaba preocupado por se na peaxe había algún coche da Garda Civil agardando por eles. Cando menos, por sorte, non era necesario deterse a pagar nas cabinas porque o Patrol de Mauro tiña OBE, o dispositivo para pasar pola Vía T. Tranquilizouse cando comprobou que na peaxe non había ningún control, así que diminuíu a marcha só o necesario para que se erguese a barreira e recuperar axiña velocidade que levaba. Rica seguía a protestar, enfurruñada. Os nenos viaxaban silandeiros.

-Se non quedases sen batería xa tería avisado a miña irmá de que iamos para alí e estaría a esperar por nós. Hai que dar volta, Varas, que por aquí non imos a ningures.

-Cala xa, carallo! Ben sei que á Coruña non se vai por aquí, pero é por onde imos e non hai outra. Aquí non se pode dar volta!

Quedou cismando en silencio ata que por fin falou Rica.

-Non podes entrar na área de servizo de San Simón e cambiar de sentido?

Era coma se lle lese o pensamento. A el tamén acababa de ocorrérselle o mesmo. Se lograba atravesar á outra banda por enriba da barreira da área de servizo, poderían recuperar a dirección da Coruña e ademais despistaría os seus perseguidores.