Informe psicosocial

Fran Alonso

CULTURA

Os nenos aos que se refire este informe son Pixie Baz Fernández e Dixie Baz Fernández, varón e muller respectivamente, xemelgos de oito anos de idade, ingresados desde hai tres meses neste Centro de Acollida ao abeiro do informe de competencias parentais elaborado polos Servizos Sociais e baixo ditame do xulgado de menores en función dos feitos acontecidos.

O pai dos xemelgos responde ao nome de Alfredo Baz López, máis coñecido co alcume de O Varas, natural da Guarda, individuo de 39 anos, sen profesión recoñecida, casado con Berta Fernández Silva, tamén natural da Guarda, de 36 anos de idade, máis coñecida co alcume de Rica, e nai dos dous xemelgos.

Alfredo Baz López é un individuo alto, de complexión forte, de ollos claros, de pescozo pronunciado, con mostras evidentes de envellecemento prematuro e diversas cicatrices no rostro. En canto á indumentaria, adoita ir vestido de xeito esfarrapado, con calzado deportivo e cuberto por unha zamarra de coiro negro. Nos ambientes en que se move é coñecido polo seu carácter agre e impulsos violentos.

No que se refire á súa formación, abandonou axiña os estudos cursados no Instituto A Sangriña, da Guarda, sen chegar a obter titulación ningunha. Non existe constancia de que posúa outro tipo de formación agás un curso de mecánica do automóbil realizado nas dependencias do antigo Servizo Galego de Colocación. O seu historial laboral coñecido limítase a traballos de estiba e desestiba, así como a xornadas intermitentes de descarga de peixe e carga en camións. Durante un ano exerceu como chofer de camións para a empresa Transportes Camila Lomba, da Guarda, da que foi despedido por graves incidentes que incluían abandono laboral reiterado. Nos últimos tempos, o seu medio habitual de subsistencia é o furtivismo, que practica na costa entre Baiona e A Guarda para a recollida do percebe. Debido a esta actividade viuse recentemente implicado en diversos altercados violentos. Residiu durante tres anos en Portugal, sen que haxa datos sobre ese período. Na actualidade reside en Vigo, na rúa Espedrigada, no barrio da Florida, onde comparte vivenda coa súa muller.

Berta Fernández Silva, Rica, nai dos xemelgos, é unha muller delgada, morena, de ollos castaños, estatura normal e aspecto físico demacrado a causa do consumo irregular de cocaína, consumo que semella máis esporádico nos dous últimos anos. De extracción social moi humilde, naceu no seo dunha familia de mariñeiros da Guarda. Na actualidade só vive a súa nai, que aínda habita na casa familiar. Berta Fernández está divorciada de Pedro Marcote Leyenda, co que tivo unha filla aos 19 anos, Vanesa Marcote Fernández, que na actualidade reside co pai na vila de Baiona.

Sen estudos nin oficio coñecido, tras unha etapa inicial durante a que vendía peixe na lonxa, Berta Fernández dedicouse aos labores domésticos, actividade que combina co tráfico de estupefacientes a pequena escala, sendo detida en Vigo en diversas ocasións pola Brigada Local de Seguridade Cidadá. Vive frecuentes situacións de desencontro co seu home durante as que se traslada á casa materna en compañía dos seus fillos.

O estilo de vida da parella formada por Alfredo Baz e Berta Fernández está en consonancia coas súas circunstancias socioculturais e responde ás características dunha familia profundamente desestruturada, cun estilo de vida caótico e azaroso e cunha constatada e grave falta de madurez persoal. Este factor inflúe moi desfavorablemente sobre os fillos, que viven nun estado de semiabandono e non adoitan recibir atención axeitada nin se lles garanten os requisitos mínimos dunha educación digna.