O teatro galego busca un oco nos escenarios de Madrid

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Eme 2, Funboa e «Galicia Caníbal», na carteleira madrileña

14 ago 2012 . Actualizado a las 11:48 h.

Unha parte da escena galega marcha a Madrid durante as vacacións. Pero non vai a descansar, vai facer oco. Galicia Caníbal, Tengamos el sexo en paz e Oiseau rebelle son tres títulos galegos que buscan espectadores madrileños.

Mercedes Castro é a única actriz en Tengamos el sexo en paz, que en Galicia titulouse Sexo, por que non? Leva unha semana de experiencia no Teatro Arenal co texto de Darío Fo e Franca Rame. Asegura Castro, actriz tamén de Padre Casares, que a experiencia é «completamente diferente». Castro estará na carteleira madrileña ata principios de setembro. Sinala que estar tanto tempo seguido nun teatro supón «depender moito máis de convencer ao público e de que haxa boca a boca para traer máis espectadores». Pero a actriz agradece esa posibilidade de actuar de xeito continuado porque «favorece moito o traballo estar sempre no mesmo espazo». Pon un exemplo: «O sábado fago dúas funcións e pensei que sería máis difícil porque a obra é esixente fisicamente, pero a segunda das dúas acaba por ser máis fácil».

A de Eme2 non será a única produción galega. Esta mesma semana Funboa Escénica terá tres días para actuar nunha das salas máis coñecidas do circuíto independente, a Sala Triángulo.

Oiseau rebelle é o título da montaxe que leva xirado por boa parte dos escenarios de Galicia. Paulina Funes, integrante da compañía xunto con Cristina Balboa, asegura que actuar en Madrid «pode servir para abrir portas, pero tamén esixe asumir os riscos porque a sala non paga cachés e hai que ir a taquilla».

Para conseguir público, os días 16, 17 e 18, as dúas integrantes de Funboa realizarán algunhas accións promocionais na Gran Vía madrileña, sacando os seus personaxes á rúa para chamar a atención sobre as funcións que farán. Tamén esperan que o feito de que a obra se exhiba dentro dun ciclo que a sala denomina Al fresco axude a levar público ás butacas da sala Triángulo.

Unha semana despois de que Funboa chegue a Madrid o Teatro Nuevo Alcalá abrirá temporada co Galicia Caníbal. A montaxe que repasa una parte da música galega dos anos oitenta terá dous meses de funcións nese espazo, despois de ter recorridos unha parte considerable dos escenarios galegos. Trala estrea en Madrid regresará a Galicia.