Inxenuo como son, pensaba que o roubo do Calixtino colocaría nun primeiro plano cultural o tesouro musicolóxico que garda o códice, no que se conservan algunhas das primeiras notacións polifónicas da historia, xunto con melodías de melismática beleza. Igual que a morte dunha estrela do pop dispara a venda dos seus discos, imaxinaba que o roubo do manuscrito esgotaría as gravacións da súa música, como a magnífica integral do Coro Ultreia, ou botaría luz sobre o inmenso pero secreto patrimonio musical en Galicia, que agarda a que alguén o devolva á vida mediante a interpretación. Pensaba, digo, que se repararía no labor dos especialistas que traballaron no Códice e outras alfaias das Humanidades, eido que tamén sofre os recortes á investigación. Iluso como son, cría que a perda contribuiría a unha maior sensibilización con respecto a episodios como a destrución dunha casa gótica da man do seu propio dono ou a venda en Internet de mosteiros románicos en ruínas. Pensaba, en fin, que neste ano alguén lle tería advertido ao noso presidente da súa teima en chamarlle «códiche» ao Códice.
Hoxe regresa á catedral que o custodiou 800 anos e hai voces que avogan por protexelo mediante o agocho, sepultándoo nunha escuridade que mal casa coa calidade escintilante do Apóstolo: «In Iacobi victoria. Fulget dies ista», di o propio Códice no Benedicamus do mestre Anselmo, «de Santiago na vitoria, loce este día». Hoxe, os que buscan un perfil máis favorable na luminosidade do Apóstolo, verán o longas que son as súas sombras.