Patrimonio e sustento comúns

CULTURA

AAcademia vén de habilitar en Internet unha ferramenta imprescindible para o emprego cotián do galego: un cumprido dicionario que ademais saca partido ao seu carácter virtual coa súa actualización periódica. Porén, está funcionalidade está en perigo por mor do recorte do 62 % do orzamento que o Goberno destina á centenaria institución. É un triste e elocuente exemplo de como un proxecto básico queda fanado por unha decisión presupuestaria prexudicial. É o máis visible, mais non o único. A Academia traballa cun patrimonio común, a lingua dos galegos e, por extensión, a súa cultura, cuxos resultados volven reverter no conxunto da sociedade. Diminuír, coutar ou dificultar ese labor non é unha acción gratuíta, senón que supón un serio compromiso para un país tan necesitado de autoestima e coñecemento propio. No fondo latexa a concepción de se tratar á educación, á investigación, non como un gasto, senón como unha inversión que contribuirá a que o crecemento non se cuantifique tan só en termos económicos, senón de progreso social. E como a Academia é depositaria dun patrimonio común, tamén é tarefa compartida o seu mantemento: os impostos que pagamos anualmente sustentan unha función á que Galicia non pode renunciar e, como contribuíntes, é o noso dereito reclamar o que é de xustiza.