Á marxe constitúe un proxecto literario senlleiro en Galicia. Grazas a unha calidade narrativa que o esixente ritmo da regularidade propia do xornal non foi quen de diminuír, Casares creou un espazo breve en dimensións pero de longo alcance, tanto na difusión como na profundidade. A súa columna contaba con milleiros de fieis seguidores, que mesmo chegaban a manter unha sorte de diálogo co autor, para suxerirlle temas, matizar opinións ou interesarse pola saúde do gato Samuel, unha verdadeira estrela nos últimos anos de Á marxe. Á eficacia contística dos artigos engadíase a extraordinaria habilidade de Casares para conectar cos lectores a través da creación dun universo persoalísimo, pero que, paradoxalmente, ao mesmo tempo cada receptor chegaba a considerar seu. Isto debíase ao xa comentado dominio dos recursos da narración, pero tamén do sentido do humor e da calidade humana que transpiraban os artigos.
A súa columna contaba con milleiros de fieis seguidores
O escritor retratábase nese universo particular: a infancia en Xinzo e nas aldeas da Limia, cos seus personaxes; as viaxes, que non deixaba de narrar nunca nas columnas; as lecturas de libros e revistas, moitas delas estranxeiras, e que evidenciaban a amplitude da súa curiosidade; o espazo do cotián, facendo do extraordinario algo próximo e do próximo algo extraordinario... É inevitable relacionar este proxecto, sostido a diario durante 14 anos, cos grandes memorialistas, empezando por Miguel Torga, a quen Casares tanto admiraba e cuxos Diarios consultaba «coa asiduidade dun devoto fervoroso que le un devocionario». Malia constituír Á marxe un territorio narrativo que facía honor ao seu título, e no que Casares esquivaba as grandes cuestións que adoitaban escribirse en caixa alta, era consciente do valor dos artigos. Como escribiu Marcos Valcárcel na súa contribución sobre o Casares dos xornais ao volume A semente aquecida da palabra, «para o escritor o columnismo non era un irmán menor da literatura e dedicoulle, cando menos, o mesmo esforzo que ás súas obras de ficción literaria: só así pode entenderse a constancia e enorme autodisciplina que supón someterse ao ritual dun artigo diario durante moitos anos».