Lois Pereiro, un escritor para outro canon

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Mercedes Queixas sinalou a necesidade de «integrar a Lois desde a lectura e non desde a teorización e aproveitar a súa obra, para demostrar que a literatura galega tamén é moderna e próxima ao lector»

17 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A segunda xornada do congreso que a Real Academia Galega organizou sobre Lois Pereiro volveu sobre unha das ideas expresadas no día da apertura de que a atención a escritor non acabe en canto remate o 2011 e o Día das Letras cambie de autor.

A segunda xornada serviu tamén para resituar ao escritor fronte a influencia das vangardas ou para reclamar que Pereiro pase a formar parte dun novo canon da literatura galega, máis aberto e máis utilizable para o ensino.

Foi Mercedes Queixas quen, na súa intervención na Academia, pediu «canonizar a Pereiro sen necesidade de beatificalo». A escritora solicitou que non se «deixe morrer a Pereiro unha vez que o descubrimos e que hai moitas vías para aproveitar a súa obra». Para conseguilo, Queixas suxeriu «abrir o canon da literatura galega porque parece que está predeterminado e non sempre con criterios entendibles desde o punto de vista docente». Sinalou a necesidade de «integrar a Lois desde a lectura e non desde a teorización e aproveitar a súa obra, para demostrar que a literatura galega tamén é moderna e próxima ao lector».

Noutra dirección, Olivia Rodríguez apuntou na súa participación que o proceso de «canonización do poeta comezou en 1985» e indicou que no caso deste escritor está salvado «o perigo de institucionalización». Para a profesora, queda «moito poeta que pescudar», incidindo na idea de que o congreso non pecha a análise sobre a obra do escritor.

Porta xiratoria

Antón Patiño quixo aproximarse máis a unha imaxe reiterada na obra de Pereiro, «a da porte xiratoria» que en palabras do artista «represente ben o mundo de Lois, que se movía entre o íntimo e o rebelde, entre a vida e morte». Patiño considera que sobre o poeta pesaron as influencias das vangardas e «os anos convulsos da transición en España, dúas influencias que quedan moi claras no carácter ecléctico do seu xeito de entender a cultura».

María Xesús Nogueira centrou a súa intervención no libro Conversa ultramarina, no que é posible encontrar «algunhas das características da obra de Lois Pereiro, como o autobiografismo, o tratamento do tema do amor e a morte, o culturalismo, a intertextualidade, o collage, o plurilingüismo e o delicado equilibro entre o intimismo e o distanciamento elegante». Nogueira salientou a importancia do libro alén da «información que conten sobre a súa vida e afectos».

«É necesario integrar a Pereiro desde a lectura e non desde a teorización»

Mercedes Queixas