Na cerna da natureza

CULTURA

07 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un personaxe da última novela de Julian Barnes, The Sense of an Ending, pregúntase que será da obra de Ted Hughes cando se lle acaben os animais. Poderíamos responderlle que, chegado o caso, non tería inconveniente en inventalos: para iso, e para outras cousas, está a poesía. Tranströmer, como o inglés, afonda as súas raíces poéticas na natureza, pero a relación con ela non é conflitiva, quizais porque acepta as súas normas para situarse na súa mesma cerna. Os seus versos déixanse bañar pola luz do interminable verán escandinavo e abanean coa forza dun maelstrom que logo os devolve ao seu lugar. Un ecosistema autónomo que alimenta esas raíces das que medran os versos, que, como as follas, viaxan no lombo do vento.