Tempo de mudanza

CULTURA

19 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda coas súas limitacións, 18 comidas, Crebinsky e Retornos (como a tvmovie Mar libre), reflicten o éxito da produción low cost no audiovisual galego co engadido da dignidade formal e da coherencia temática. O 2010 deixou unha boa colleita (aos tres mencionados sumáronse outros filmes igualmente salientables), para confirmar que hai talento a manchea. Atinaron Farruco Castromán e Miguel de Lira coas súas verbas, pero ollo a caer no buraco da endogamia, no de afastar a fórmula das coproducións e a captación de alianzas e recursos máis aló do Padornelo cara a produtos máis ambiciosos e competitivos. Con apostar só polo filme gran reserva galaica, non basta. Cómpre profesionalizar as empresas e anotarse aos plans de difusión e de internacionalización do Consorcio Audiovisual de Galicia (organismo único do audiovisual, tampouco se esqueza) en colaboración co Igape. Dixo ben Tosar cando falou de tribo, pero calquera tribo que aspire a sobrevivir deberá pactar con Administración, televisións, entidades de inversión e empresas de fóra sobre parámetros atinados e realistas. Sen tolerías nin aventuras, que a crise aperta, pero tampouco sen baixar a calidade do emprego. Castromán pediu unidade e solidariedade aos produtores. Así sexa. E quen elixa a lexítima vía individualista, que o faga cos seus cartos, nunca cos de todos. É tempo de mudanza.