A Academia dedica a Ramón Piñeiro o último número do seu boletín

Cristina López LUGO/LA VOZ.

CULTURA

A publicación, que non puidera ver a luz no 2009 por problemas económicos, foi presentada onte en Lugo

30 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dificultades económicas impediron que no 2009 vise a luz o boletín da Real Academia Galega correspondente a esa anualidade. Agora, grazas ás achegas, entre outras, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ese número -concretamente o 370- puido ser editado. A súa presentación pública tivo lugar onte, precisamente na sede do organismo provincial lucense. O acto contou coa presenza do presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín; do secretario, Xosé Luís Axeitos; do académico Antón Santamarina; e do vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao. O número 370 do boletín da Academia Galega, co que segundo Axeitos «poñémonos ao día», está centrado na figura do intelectual e pensador galeguista Ramón Piñeiro, ao que o ano pasado se lle dedicou o Días das Letras Galegas. A publicación recolle as intervencións dos estudosos que participaron no congreso sobre Piñeiro celebrado no 2009 en Santiago. Figuran tamén as alocucións académicas que sobre o autor de Láncara se fixeron no Día das Letras. O boletín complétase con investigacións filolóxicas e lingüísticas de diversos estudosos. Un espello roto Méndez Ferrín referiuse ao boletín da Real Academia Galega como «un espello ao longo do camiño no que se foron reflectindo os grandes acontecementos culturais do noso tempo. Mais trátase dun espello roto por motivos de diversa índole, que fixeron que en ocasións non cumprise a súa función». O presidente da RAG rematou a súa intervención avogando pola continuidade deste boletín, xa que sen el «non se entendería o discurso da realidade galega». Publicación centenaria Xosé Luís Axeitos, pola súa parte, explicou que, con máis de cen anos ás súas costas, o boletín da RAG é «a publicación máis antiga que hai en Galicia, coas súas lagoas e os seus baleiros, que coinciden con momentos de incerteza política e económica. Ademais, a través do boletín pódese seguir a historia da Academia Galega». Xa por último, o vicepresidente da Deputación de Lugo xustificou o apoio a esta publicación porque «as institucións públicas teñen que estar a carón daquelas outras institucións que apoian e defenden a nosa lingua e a nosa cultura».