Ramón Maiz gaña o premio Ramón Piñeiro por «A arte do imposible»

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Segundo os membros do xurado neste ensaio de Ramón Maiz se reivindica a actividade política como un valor para a xestión do poder dende abaixo.

22 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ramón Maiz resultou o gañador da edición deste ano do premio de ensaio Ramón Piñeiro, promovido por Editorial Galaxia, a Secretaría de Política Lingüística e mais Gas Natural Fenosa. O libro gañador, que será publicado no ano vindeiro, foi A arte do imposible, un ensaio sobre política do que o xurado salientou a novidade argumental e o enfoque no que se relacionan algúns dos temas centrais da actividade política e da súa ciencia con casos concretos desa actividade en Galicia.

Segundo os membros do xurado -formado por Luís Alonso Girgado, Andrés Torres Queiruga, Uxío Labarta, Ramón Villares e Carlos Lema-, neste ensaio de Ramón Maiz tamén se reivindica a actividade política como un valor para a xestión do poder dende abaixo. Tamén reclama o seu autor nesta obra un cambio no motor político dende o que considera hiperracionalismo actual ata unha raíz política que estea máis movida pola paixón. Nesta edición presentáronse sete orixinais, dos que o xurado salientou a súa calidade.