A RAG escolle a Lois Pereiro para as Letras Galegas, tras varias votacións

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ.

CULTURA

Margarita Ledo, Axeitos e Rivas defenderon a proposta do autor de «Poesía última de amor e enfermidade»

27 jun 2010 . Actualizado a las 14:38 h.

«Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria». Estas palabras dun dos seus poemas están gravadas en pedra en Santa Cristina do Viso, no Incio, na tumba de Lois Pereiro Sánchez, o poeta que protagonizará o Día das Letras Galegas do ano 2011. Así o decidiron onte os compoñentes da Real Academia Galega asistentes a unha sesión plenaria na que se trataron tamén «diversos asuntos de funcionamento interno», dixo o seu presidente, Méndez Ferrín.

«Presentáronse moitas propostas, case unha ducia», apuntaba un dos académicos salientando que a favor de Lois Pereiro interviñeran Margarita Ledo, Xosé Luis Axeitos e Manuel Rivas. Outros académicos defenderon os nomes doutros posibles candidatos para o Día das Letras Galegas; nas sucesivas votacións foron quedando fóra algúns dos propostos como Aníbal Otero, Valentín Paz Andrade ou Fernández Morales, este último un escritor berciano contemporáneo de Rosalía de Castro que escribiu en galego e que fora proposto pola asociación Xarmenta, do Bierzo, cun «expediente moi ben documentado», apuntaba un académico. As dúas últimas candidaturas que quedaron foron as de Xosé Filgueira Valverde e Pereiro. «Ninguén se dedicou a atacar a ningún candidato», salientaba unha das persoas asistentes a xuntanza «e de feito despois da última votación houbo un aplauso de todos os asistentes».

Lois Pereiro Sánchez (Monforte de Lemos, 1958) marchou a Madrid con 17 anos e alí fundou a revista Loia xunto co seu irmán Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño. O nome desta publicación aparece tamén no título do poemario que se publicou un ano despois da súa morte, que tivo lugar na Coruña o 24 de maio de 1996: Poemas para unha Loia; de feito, neste poemario aparecen versos escritos durante a súa etapa madrileña e tamén un ensaio que titulou Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia.

De 1995 é o segundo poemario que publicou en vida, Poesía última de amor e enfermidade (Edicións Positivas), uns poemas «escritos desde a urxencia, extraídos das entrañas pola necesidade de expresarme e desactivar a posible nostalxia dunha morte anunciada». A súa enfermidade marcou a súa obra, con versos moi expresionistas e nos que as aves están moi presentes («En min aniñan sempre ano tras ano/ as aves migratorias / que buscan climas cálidos / nun exilio forzado polo inverno...»).

Xunto con autores como Xavier Seoane, Francisco Salinas ou Xulio Valcárcel, Lois Pereiro publicou varias antoloxías coma De amor e desamor (1984) e colaborou na revista Luzes de Galicia.