Ferrín salienta as leccións «indelebles» dadas por Luís Seoane no «cultural, no artístico, no político e no ético»
CULTURA
A figura de Luís Seoane vaise agrandando a medida que avanza o primeiro dos congresos que ao longo deste ano conmemorarán o centenario do seu nacemento. A sección do congreso celebrada en Compostela rematou onte con tres perspectivas diferentes no argumental, pero orientadas cara a mesma visión de Seoane como un dos principais, senón o principal, pensador dunha Galicia que se quería contemporánea. Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas e Xosé Luís Méndez Ferrín asumiron nas súas intervención do Consello da Cultura Galega tres perspectivas sobre Luís Seoane, complementarias e orientadas a ir completando unha fotografía tridimensional sobre o carácter e a obra do artista. Axeitos relatou a maneira en que Seoane descubriu Galicia e a súa cultura. Nacido en Buenos Aires, a descuberta da cultura galega produciuse na súa estancia en Galicia e foi madurando de maneira decisiva durante o seu longo exilio arxentino. Nesa descuberta, segundo o académico, xogou un papel fundamental Compostela. Para Arturo Casas, unha figura como a de Luís Seoane «non pode ser prescindible para un país» asegurando na súa intervención matinal que o artista e creador fora, entre outras cousas, «o gran renovador dos repertorios culturais galegos». O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, optou pola perspectiva persoal para lembrar algunhas das viaxes comúns que realizou con Seoane. Ferrín lembrou ao grupo Brais Pinto, no que participaron ambos os dous, e as posicións políticas que o artista mantivo e que supuxeron «diferenzas claras coas que mantiñan outros como Ramón Piñeiro». Segundo Méndez Ferrín, foron varias as leccións que deu Seoane ao longo da súa vida, leccións «indelebles» que hai que ter en conta tanto no cultural, no artístico, no político como no ético. A outra perspectiva da última das xornadas compostelás do congreso tivo que ver con unha das querenzas de Seoane, a da Galicia da Idade Media. Manuel Castiñeiras e Charo Portela situaron esa maneira de ver do artista que tomaba como referencia ese momento da historia de Galicia como un tempo de esplendor que influíu de maneira decisiva no desenvolvemento da imaxe que buscaba para o país. A forza dos personaxes históricos e míticos dese tempo, segundo ambos especialistas, acompañou durante case toda a vida ao imaxinario de Seoane. O congreso remata hoxe na Fundación Luís Seoane completando a perspectiva académica coa intervención final de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, falando das múltiples galicias do artista. Antes da clausura, o historiador Xusto Beramendi falará das relacións entre Seoane e o exilio interior. Pola súa parte Antón Patiño falará sobre o Laboratorio de Formas.