Galicia é onde, Seoane é quen

Camilo Franco

CULTURA

O congreso sobre o artista busca propiciar unha lectura «máis fresca e menos convencional» dun autor difícil de avaliar

07 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro dos congresos que sobre a figura de Luís Seoane se sucederán ao longo deste ano pretende colocar a este artista no lugar que lle corresponde: na parte máis alta do mapa iconográfico de Galicia. Segundo Ramón Villares, «este ano Xacobeo tamén debería ser lembrado polo centenario de Seoane, pola nova lectura sobre a súa obra e porque temos que devolverlle algo do que nos deixou». Galicia é onde, Seoane é quen.

Este primeiro congreso ten como argumento fundamental a dobre dimensión de Seoane, unha dobre condición inducida polo exilio e que colocou ao artista, como galego e arxentino, nunha circunstancia que, lonxe de ser restritiva, serviu para que o creador alimentase «a necesidade de transformar Galicia». Segundo Villares, presidente do Consello da Cultura que coorganiza o encontro, «Seoane, estivese onde estivese, pensaba en Galicia». Deste xeito, e segundo o propio Villares, «quizais houbo unha época na que Seoane pensou en voltar, pero xa logo se deu conta de que a súa estancia en Arxentina ía durar e tivo esa dobre implicación alá e acó».

Esa actitude transformadora e de gran atención aos cambios que se estaban sucedendo no mundo permitiu que Seoane fose un «pioneiro» e alguén que tentaba aplicar a Galicia «todas aquelas cousas que sucedían no mundo», tal como explica o director da Fundación Seoane. Para Alberto Ruiz de Samaniego, o artista «padeceu na súa vida unha parte fundamental dos conflitos do home ao longo da historia que foron particularmente agudos no século XX». Samaniego sitúa a Seoane como un «artista fundamental para entender o século XX e para entender a interpretación que podemos facer de Galicia ao longo deses cen anos».

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, lembrou na súa intervención que para persoas como Seoane «arte, cultura e política son circunstancias dunha mesma cousa». O conselleiro non quixo levar a contraria ao respecto de se o creador é a figura máis importante de Galicia despois de Castelao, pero sinalou que había que ter en conta tamén a importancia desa outra parte arxentina do artista.

Silvia Longueira, vicepresidenta do padroado da Fundación Seoane, sinalou que era o momento de «recuperar algúns dos exemplos dados polo artista», ao tempo que exculpou a presenza de Isaac Díaz Pardo a quen, sinalou, «hai que agradecer tamén unha parte do legado de Seoane». Longueira apuntou que esta era a ocasión de «ampliar a perspectiva sobre este creador cunha visión de conxunto da súa obra».

A relación estreita e, en ocasións, difícil de separar entre Galicia e Arxentina en Seoane é un guieiro para este congreso que debe valer, entre outras cousas, para «ofrecer unha lectura máis fresca» do conxunto da obra do artista. Era unha das intencións para o mesmo expresadas por Ruiz de Samaniego, quen asegurou que «haberá un antes e un despois do congreso á hora de interpretar a Seoane».

Nese mesmo sentido, Samaniego explicou, coincidindo con Silvia Longueira, que a mostra que se abrirá o vindeiro venres como clausura do congreso en A Coruña tamén «permitirá unha lectura diferente do conxunto do traballo do artista». Pero, seguindo o explicado nos inicios do congreso, quizais artista sexa unha palabra que recolle só a parte «máis coñecida das actividades de Seoane».