As palabras máxicas para as galas de entrega de premios foron pronunciadas onte na presentación dos Mestre Mateo: «divertida» e «áxil». Os premios do audiovisual viaxarán a Narón para repasar os produtos máis relevantes realizados polo sector durante o ano anterior e, ademais, para homenaxear á Televisión de Galicia no ano en que cumpre vinte e cinco de existencia.
Esta conmemoración marcará o argumento da gala que, segundo explicou a súa produtora executiva, Tamara Rodríguez, «será divertida e rápida e pretende envolver ao público máis alá do escenario».
Quen será mestre de cerimonias desta edición será Xosé Antón Touriñán, máis coñecido por ser de Ardebullo e aparecer todos os venres en Luar . Pero este ano tamén haberá un invitado especial, unha cara que apareceu en TVG nas súas primeiras emisións e que aínda segue aparecendo. Xosé Manuel Gayoso terá un papel relevante nesta edición como o rostro destes anos da canle galega. Completarán o espectáculo Tony Lomba & Elio dos Santos, que amenizarán a noite cunha composición musical para a ocasión.
O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira, Pico, sinalou que era un momento ideal para render «homenaxe a Televisión de Galicia e á importancia fundamental que ten para o sector».
Henrique Banet, premiado
Na mesma rolda de prensa deuse a coñecer o nome de quen será premio de honra Fernando Rey. Neste caso a Academia distinguiu a Henrique Banet, nacido en Santiago en 1941 e que foi director de fotografía con numerosos directores e director do Arquivo de Imaxe. Foi tamén responsable de programas como Terra ou Senda verde. Na actualidade, é realizador de documentais de defensa ecolóxica e responsable da Fundación Galicia Verde.