The Homens consolidan o seu son como cuarteto en «Cuarta potencia»

X.?F.

CULTURA

O grupo inicia esta semana a presentación do seu novo disco con concertos en Santiago e na Coruña

15 dic 2009 . Actualizado a las 11:42 h.

Cando The Homens eran un trío optaron pola sinxeleza á hora de titular o seu terceiro disco: Tres. Ampliada a formación do grupo cun teclista e chegado o momento de entregar un novo álbum, o grupo galego volve xogar cos números. Pero Cuarta potencia, editado polo selo Lixo urbano tamén fai referencia á contundencia que gañou o pop deste grupo radicado en Compostela, e que se concreta en cancións como Hámster, A liña verde ou Perfecto, elixida para abrir o álbum. A isto non é allea a incorporación de Cristobo, segundo o vocalista e guitarra Martin Wu. «Temos máis opcións melódicas e tamén soamos mellor en directo. Creo que tamén se nos foi boa parte da vergoña que tiñamos a facer certas cousas, atrevémonos a moito máis», explica. Neste sentido, Cuarta potencia tamén é un disco máis ecléctico que os seus predecesores, con temas acústicos, achegas ao pop máis bailable, a independencia británica e o rock de guitarras. Non obstante, as influencias están interiorizadas dun xeito máis sutil, asimiladas e asumidas dende unha perspectiva máis persoal. «Soamos máis a nós», resume Martin Wu. Para a gravación de Cuarta potencia, The Homens recuncaron nos estudios Ultramarinos Costa Brava e volveron poñerse nas mans do produtor Santi García, con quen xa traballaran en Tres. O resultado é un disco máis experimental nos arranxos e á vez «máis bestia e guitarreiro», segundo Martin Wu, quen admite que a mestura final sorprendeu ao propio grupo: «Pensabamos que faríamos un disco máis seco que o anterior». No apartado lírico tamén acusa o tempo pasado entre Tres e a gravación, un tempo marcado pola crise e que se traduciu nunha visión «bastante malhumorada e nihilista». The Homens presentarán o seu novo traballo o xoves na Sala Nasa de Santiago (21 horas) e o venres na Coruña, en Le Club Directo (22 horas). En ambos os dous concertos actuarán tamén Novidades Carminha, un grupo punk que Martin Wu compara coa primeira etapa de Siniestro Total.