O intérprete asegura que vive a súa profesión «con bastante menos glamur do ?que parece dende fóra» e cre que as «esixencias son inevitables» no seu traballo
08 nov 2009 . Actualizado a las 14:05 h.A cara de Luís Tosar (Lugo, 1971) domina por completo a imaxe de Celda 211, estreada esta fin de semana. A historia está dominada por un personaxe, Malamadre, que levou ao actor por espazos case contrarios: dende as cárceres ata os platós máis reputados de televisión.
-Non sei se sente como aquel rapaz que facía teatro en Lugo, pero ¿non lle dá vertixe a cartelería, os anuncios, as críticas, as viaxes?
-Eu vivo todo iso con bastante menos glamur do que parece contado dende fóra. Son cousas do traballo e creo que o nivel de estrés nunca se rebaixa na profesión porque, de non ser polo cine, sería polas xiras de teatro ou porque estaría facendo bolos con The Ellas, ou porque tería que facer outras cousas. Sempre hai esixencias e creo que son inevitables nesta profesión.
-¿A estas alturas cre naquela frase de «a fama custa»?
-Algo si que custa. O que sucede é que desta vez coincidiu todo moi mal porque estou rodando unha película en Bolivia e tiña que facer a promoción aquí de 211 . Esa coincidencia nas datas obriga a que teña que apertar moito máis a axenda e que o equipo de rodaxe que está alá se atope intranquilo ata que eu estea de volta e aquí teña que facer todo moito máis ás carreiras, de maneira que o primeiro día de promoción cheguei ás cinco e as oito xa estaba no plató. Pero todas estas cousas non se fan pola fama. Non traballo pola fama porque un está basicamente a sobrevivir. Tamén podía ser peor. Por exemplo, para a volta teño dous días para descomprimir da promoción e entrar en fariña co personaxe que teño que facer alá.
-¿Gústalle a promoción?
-Non é agradable. Pero xa o asumín porque é un asunto eficaz. Funciona e, polo tanto, é práctico. Ultimamente tomo a promoción con moita tranquilidade.
-¿Hai algunha relación entre este Malamadre e o seu papel en Bolivia?
-Os dous teñen un sentido deo humor cínico, pero Malamadre é moito máis agresivo e violento, así que a relación entre eles é só relativa.
-¿Ten medo de que lle ofrezan só papeis con ese perfil: agresivo, violento, lumpen?
-Supoño que as próximas ofertas virán por ese camiño porque non hai unha imaxinación desbordante. Pero eu terei que pivotar. Neste caso, cando fas personaxes tan extremos, tamén é moito máis fácil convencer á xente de que non podes repetir, de que nin sequera é bo para a película.
-¿Entón que oferta lle gustaría recibir?
-Unha comedia estaría ben. E se fose unha comedia musical xa sería para botar foguetes.
-¿Unha desas comedias musicais para o teatro que teñen tanto éxito en Madrid?
-Tiven unha oferta para traballar no musical que se fixo en Madrid Jesucristo Superstar, pero non podía porque tiña outros compromisos nesas datas.
-E non me diga que o papel que lle ofreceron era o de Xudas...
-[Entre risas] Exactamente era ese papel... Estou marcado...
-¿Non ten ofertas para traballar en Galicia?
-Agora mesmo está en estudo unha película sobre un guión de Miguel Anxo Murado na que tamén participa Reixa. Pero aínda non sei...