Comezan os actos sobre o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas.
21 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A figura de Ramón Piñeiro, personaxe a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, non se resume nun par de trazos, senón que hai diferentes modos de achegarse á súa obra intelectual, política e mesmo persoal. Precisamente sobre a incidencia que tiveron as súas reflexións en distintos ámbitos da historia de Galicia ao longo do século XX serán as doce conferencias dunhas xornadas que a Fundación Carlos Casares e a Deputación de Lugo promoven desde este luns ata o xoves en Lugo.
Destacados escritores, xornalistas, historiadores, políticos e catedráticos debullarán as facetas nas que maior pegada deixou Piñeiro ao longo de varias xeracións de galeguistas. Así, entre os temas e os poñentes que forman parte do programa poderase coñecer o seu pensamento filosófico (que analizará Andrés Torres Queiruga), saber do seu persoal concepto da saudade (que exporá Carlos Fernández), afondar no seu labor editorial (que analizará Víctor F. Freixanes), aprender as súas ideas literarias (das que dará conta Darío Villanueva), coñecer o seu traballo a prol da lingua galega (do que falará Henrique Monteagudo), da súa teima por recuperar a cultura galega (do que afondará Xesús Alonso Montero) ou saber algo máis do Piñeiro máis íntimo (Gerardo Fernández Albor falará da súa relación persoal).
«Con estas conferencias queremos render unha homenaxe a Ramón Piñeiro, que foi un home de diálogo e tranquilo, capaz de sacrificar a súa vida académica e política para dedicarse ao que sabía facer, que era que Galicia funcionase», sinalou na presentación o coordinador das xornadas e membro da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, quen, ademais, quixo destacar a unión afectiva que mantiveron Piñeiro e Casares.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, explicou que coa celebración destas xornadas comezan os actos de lembranza do autor a quen o 17 de maio se lle dedica o Día das Letras Galegas, nado no concello lugués de Láncara en 1915 e falecido en Santiago en 1990. «A Deputación de Lugo non podía quedar á marxe da homenaxe que se vai a render a un dos lucenses máis influentes da historia recente de Galicia», sinalou Gómez Besteiro.
Abertas ao público en xeral
Os organizadores das xornadas destacaron que todos os actos son abertos ao público en xeral e, especialmente, ao lucense, debido á vinculación de Piñeiro coa provincia e a cidade. «Gustaríanos que ás conferencias viñese xente que puido coñecer en vida a Piñeiro, ou persoas que fosen contemporáneas del ou mozos que queiran saber máis sobre a súa traxectoria», explicou Gustavo Adolfo Garrido.
Precisamente, o primeiro día das xornadas terá un carácter participativo e á vez emotivo. Será este luns, ás oito do serán no paraninfo da Deputación, logo da solemne apertura, na que participarán autoridades políticas e académicas. Alumnos do colexio público Ramón Piñeiro de Láncara lerán textos do galeguista e tamén participarán familiares de Piñeiro.
A partir do martes, ás dez da mañá, e ata o xoves ás oito do serán, desenvolveranse as doce conferencias. O programa pódese consultar na web www.carloscasares.org.