Aplaudir no momento xusto

Camilo Franco

CULTURA

Facer as cousas no seu momento xusto pode ser tan importante como facelas. Igual agora non era o momento xusto de calar. Fatiga ocular. Cantas máis campañas electorais vexo, menos ganas de ler teño. Asáltame a intranquilidade mentres sosteño os libros e vou perdendo a fe na ficción. Quedo sen ganas de que me conten máis historias por un problema de inflación. Nas campañas electorais pasa como nas novelas extensas: hai demasiadas palabras. É dicir, son utilizadas como se non tivesen valor ningún, como se pronuncialas fose de balde ou non significasen un compromiso. Os ollos de lector compulsivo retráense ante tanta oferta, e a capacidade da especie para aceptar as convencións da ficción mingua considerablemente. Tamén perdo as ganas porque a literatura electoral é un dos xéneros con máis convencións e hipérboles por segundo. Só é comparable en obviedades á pornografía.

Hai que aplaudir a quen o merece. Habería que escoller correctamente o momento para o aplauso, porque esas manías biográficas que ás veces exhibimos acaban por lembrar a ese reloxo que entregan algunhas empresas cando un traballador se xubila. O reloxo e a cea. Non sei se completar todas as actividades arredor dunha mesa é un acto identitario dos galegos ou é unha manía da especie aloxada nalgunha parte mal coñecida do cerebro. Acepto que en tempos de crise é unha maneira de aliviar o peso do cesto da compra, pero a xente que vai ás ceas non semella ter problemas coa profundidade da súa neveira. Igual poderiamos aprender a non mesturar cousas e cousas. Poderiamos aprender a aplaudir no lugar e no momento axeitado. Para que os aplausos tan merecidos perdan calquera intención de ritual ou de protocolo.

Agora que o debate filosófico chegou aos autobuses, poderiamos aproveitar e ver que din os autobuses cando non andan metidos en sarillos sobre a existencia de seres supremos que non son Michael Jordan. Quizais poderiamos aproveitar os autobuses para falar das cousas que existen: para facer homenaxes, para contar historias, para pedir que a guerra acabe no mundo, para acabar coas diferenzas ou para poñer uns espellos nos que todos nos vexamos como somos, non como cremos que somos.