A banda dun grupo de discapacitados intelectuais inspira un documental
13 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.No 2003 o centro San Xerome Emiliani da Guarda acolleu un taller de musicoterapia para os seus alumnos discapacitados intelectuais. Cando estes comezaron a cansarse da tranquilidade que dá Beethoven, decidiron integrarse en sons máis potentes e montaron unha banda de rock que a estas alturas ten un disco publicado e un documental que será estreado esta noite en Compostela.
Na banda mestúranse os usuarios e os traballadores do centro, de maneira que unha media de sete persoas participan na banda desde que a aula de musicoterapia se converteu nun local de ensaio cunha batería que o preside. O grupo parte da consigna «capacitados somos todos», busca unha oportunidade para demostralo e polo tanto o seu o rock é reivindicativo, disposto a admitir nas súas filas a quen queira colaborar.
Este espírito de acción foi o que chamou a atención de Xoel Méndez, quen escoitou na Radio Galega unha reportaxe sobre esta banda sureña e decidiu que había unha historia que contar. Méndez explica que o primeiro reto para este documental é «captar o fervedoiro que significa o centro porque desprende unha enerxía diaria moi forte, con moita actividade no grupo e arredor del».
Para facerse con ese mapa enerxético, Xoel Méndez tomou vinte días ao longo de cinco meses para seguir o proceso de composición, ensaios, traballos e tamén para ir deixando constancia da relación entre a actividade do grupo e a do San Xerome Emiliani.
O proceso remata cun concerto en Vigo no que o grupo comparte escenario con Días de furia e The Ellas, conxunto que ten como vocalista a Luís Tosar.
Para Xoel Méndez, que debuta como director, «ver e escoitar tocar a estes rapaces abre os ollos sobre as maneiras de integración». «Cando chegamos ao centro para traballar foron eles quen nos facilitaron as cousas, quen integraron ao equipo», asegura o realizador.
Neste sentido, o director do documental estreado onte explica que foi «sorprendente» a facilidade coa que se puido ir facendo a película «porque, a pesar do falso pudor que xera a presenza dunha cámara, quen tivo menos pudor e máis naturalidade foron os rapaces do centro».
Asegura Xoel Méndez que este é un «documental con mensaxe», destinado a a cambiar a maneira de mirar aos discapacitados.