A superbanda de veteranos

Magín Blanco e Burgas Beat alíanse para gravar un disco ?de melodías pop con enerxía eléctrica de «rock and roll»


Magín Blanco e Burgas Beat acaban de gravar once cancións destinadas a un disco que sairá en primavera cheo de «melodías pop con electricidade roqueira».

Nubes y sirenas será o título deste álbum gravado esta mesma semana en Casa de Tolos e que será publicado por Pai Música. Esta fusión de veteranos da música galega naceu pouco despois de que o valdeorrés Magín Blanco concluíse o seu segundo disco en solitario, Realidade (Pai Música), e buscase unha banda para non ter que enfrontarse a soas coa guitarra contra o mundo. Burgas Beat estaba no outro lado da provincia de Ourense e no grupo non desgustou a posibilidade de meter un pouco máis de acústica nas súas cancións.

Cinco días de gravacións e once cancións que se reparten en cinco da colleita Burgas, cinco de Magín Blanco e unha versión «en serio» e en galego do Anduriña de Juan y Junior. Para Carlos Rego, guitarra e voz de Burgas Beat, «o raro de gravar con Magín é que non pasase antes, el quería un grupo para tocar en directo e pasar de aí ao disco foi case unha consecuencia de buscar un repertorio que valese para os dous».

Blanco apunta que o resultado é «moi equilibrado». Explica que a chave do disco son «as melodías pop tratadas con potencia eléctrica». Magín asegura que no disco vai haber un equilibrio entre o «sonido sucio e limpo». Carlos Rego traduce esa harmonía na intención de que se note no traballo que a suma destas dúas identidades é «un grupo de directo». Rego comenta que nas sesións de gravación fixeron «todo o posible por facelo como en directo». O guitarrista sinala que é un «xeito que se está recuperando nas bandas de rock».

No que coinciden Rego e Blanco é na complementariedade das partes. Rego admite que o valdeorrés «dá un punto acústico» que non tiñan. Magín Blanco considera que Burgas Beat ten «un corpo eléctrico» que el non podía dar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags

A superbanda de veteranos