Nervios sen normalizar

Camilo Franco

CULTURA

As culturas sen normalizar son como os pisos de trinta metros: está todo demasiado cerca.

Estar dos nervios. Como está todo tan a man, pois hai cousas que se pasan por alto. Hai algúns anos un poeta de apelido Villar dixo que aos pais literarios había que enterralos en cal viva. Houbo remuíño, pero todo o mundo pensou que era dinámica xeracional. Franco Grande non pertence a aquela xeración que ía ser queimada, aínda é da anterior. Ten unha moi boa opinión sobre a súa época e moi mala sobre as seguintes. Con ou sen desinformación, ¿non forma isto parte da dinámica xeracional?

O curioso é que coa proximidade das cousas se esquezan tantas. Na batalla esa por dominar o canon (o da SGAE non, o outro), mentres uns fan arqueoloxía coa nova narrativa, os outros apoñen xeracións aínda non nacidas. O curioso é que cada un fala dos seus e ignora aos outros. Hai un asunto en común pero non sei se inocente, todos ignoran unha xeración narrativa ampla, variada, liberada das decisións patrióticas, con ánimo experimentador e con vocación por encontrar lectores. Unha xeración que vou dar por perdida e que ten como único punto en común o seu escasísimo ánimo por ser xeración. Os números son sesenta e noventa.

Nas culturas non normalizadas hai que saír da casa. As familias así van onde poden e non onde queren co ánimo de que todo chegará. Non é seguro que a cultura galega queira bailar a salsa, pero por algún lado había que comezar. Os preparativos causan sempre algunhas disputas, pero meu avó foi a Cuba e volveu con mellor cor.