O CGAC fai reconto do nacemento e expansión da videocreación galega

Camilo Franco

CULTURA

A mostra evidencia que aquela xeración que emerxeu co vídeo continúa en activo no audiovisual galego

05 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os anos oitenta teñen mala prensa. Demasiados poetas con ombreiras nos traxes. Pero esa década tan endomingada tamén foi a que viu aparecer algunhas linguaxes novas asociadas a soportes tan do momento como o vídeo. O CGAC presentará o vindeiro xoves unha mostra destinada a facer reconto da videocreación galega entre 1984 e 1994. A mostra Ficcións analóxicas toma como punto de partida o ano 84 porque, segundo o seu comisario Fernando Suárez Cabeza, nese ano aparecen os primeiros traballos de autores galegos. Pola outra banda, o comisario asegura que unha década despois «apareceu unha xeración nova distanciada en medios e no formal dos iniciadores». Suárez Cabeza sitúa algunhas circunstancias da encrucillada temporal que deu lugar a unha xeración orientada a experimentar co audiovisual no seu soporte máis recente. Para o comisario, nos anos oitenta coincide a chegada dos primeiros equipos de vídeo a Galicia e un grupo de xente que, desde disciplinas artísticas dispares, teñen a necesidade de «ensanchar os límites dos seus respectivos medios de orixe cunha clara vocación experimental». Outra circunstancia para o agromar da videocreación nestes anos é a querenza común nunha parte dese colectivo descolectivizado polas actividades derivadas dos happenings. Para Fernando Suárez hai outra liña que desemboca no nacemento da videocreación, ademais da modernidade e dos movementos artísticos partidarios da acción: o traballo colectivo como método. A mostra iniciará o seu percorrido coas primeiras obras, aínda en formato súper-8 de Manuel Ramón e Xulio Correa, pezas que sinalan unha intención artística que se había facer máis común grazas ás facilidades técnicas que ofrecería o vídeo. A partir dese ano 85, a mostra repasará algunhas das obras fundamentais, como é o caso de Veneno puro, de Xavier Villaverde, que é entendida polo comisario da exposición como «paradigmática do momento» e que segundo a súa interpretación se converteu na «punta de lanza do movemento videográfico galego». Esta peza abriu unha difusión internacional xunto con Denantes, de Manuel Abad, á que se foron incorporando traballos marcados pola súa orixe. Desde a manipulación técnica do soporte das pezas de Ignacio Pardo ata a incorporación da palabra en obras tan sinaladas como Salvamento e socorrismo, de Antón Reixa. Sinala o comisario que hai outro trazo común decantado no tempo de todos os que participaron nese inicio da videocreación en Galicia. Case todos os nomes daquela primeira fornada de creadores audiovisual permanecen ligados ao traballo audiovisual aínda que desde disciplinas diferentes.