Ao longo da xornada, que se completou pola tarde cun panorama sobre a situación da crítica noutras literaturas, foi quedando claro cal é o perfil de quen se dedica á crítica literaria en Galicia.
Faise nos medios de comunicación e, segundo os apuntes de Ramón Nicolás, a maioría absoluta de quen practica a crítica ten como profesión principal o ensino medio. Segundo o crítico deste xornal, a formación maioritaria deste colectivo son os estudos de filoloxía. O outro dos grupos principais que dedican o seu tempo libre ao exercicio crítico constitúeno profesionais do xornalismo que alternan o seu traballo diario con estes cometidos.
O terceiro grupo de críticos está formado por escritores que asumen este traballo de maneira máis ou menos esporádica, con rexistros que non sempre se corresponden co xénero. No caso da crítica en medios, Nicolás asegurou que a motivación económica non é a principal para quen a practica e sinalou que si é común «a falta de espazos estables, as idas e vidas, a inestable e a remuneración».