A que dedicamos o tempo libre

Camilo Franco

CULTURA

06 ago 2007 . Actualizado a las 09:47 h.

Por máis que aseguran que o verán é a época do tempo libre, non dou coa liberdade deste tempo. A xente pasa traballos incribles para fuxir de traballar. A folganza ten días moi traballosos. Descansar cansa.

Cultura urbana. O Consello da Cultura Galega publica un informe sobre políticas culturais nas sete cidades galegas. A primeira conclusión vai ter que ser positiva. Se temos informe é porque temos políticas. Aínda non se perdeu todo. A segunda, quizais igual de precipitada, é ata que punto son parecidas a organización cultural das cidades co imaxinario que temos delas. Como seica gastamos algo do tempo libre en cousas que non sempre son fútbol, as cidades foron sumándose á programación cultural con predisposición total a non coordinarse entre elas.

Festivais por parroquias. Esta fin de semana había case un festival musical por parroquia. Debe ser unha dimensión descoñecida do minifundio. Mesmo un síntoma de madurez cultural era que a axenda do país estivese máis ou menos coordinada e que uns festivais non imposibilitaran ir a outros. Porque vista a oferta non hai xente para tantas camas.

A Bassi de falar. A incidencia das polémicas no espectáculo conmove incluso aos intelixentes. Leo Bassi monologa coa ilustración reutilizando a Diderot ou a Voltaire ou de Darwin a Schopenauer. Nada do que di indica a necesidade dunha polémica. Nada que non estea repetido polo libro dos libros. Incluso en aqueles amplamente difundidos nas escolas. Hai que seguir buscando síntomas de madurez.