«Temos un plan xeral en Sada despois de once anos de provisionalidade»

Dolores Vázquez CONCEJAL DE URBANISMO DE SADA

SADA

CESAR QUIAN

O planeamento, que esperan que entre en vigor en novembro, contempla un crecemento máximo de 3.000 vivendas

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Montouto (A Coruña, 1972), concelleiro de Urbanismo e Emprego de Sada, di que fixeron «os deberes que nos impuxo a Xunta» e móstrase satisfeito do visto bo dado ao documento do Plan Xeral, pendente só dunhas puntualizacións para que se publique e que se espera que entre en vigor en menos dun mes. A este licenciado en Dereito e Ciencias Políticas atribúeselle a culminación do primeiro PXOM de Sada.

-Canto se cambiou das directrices que deixara o PP no PXOM?

-No solo urbano todos os plans especiais que poderían vulnerar a normativa decidimos eliminalos. O PP admitira moitísimas alegacións e fixera un modelo territorial expansivo, mentres que nós sempre o criticamos, mais decidimos que fose a Xunta quen lle puxese freo e efectivamente é quen o fai na orde de non aprobación. Decidimos non urbanizar unha zona urbanizable entre Fontán e Pazos, que consideraba un pelotazo urbanístico, e só deixamos os do sur, que é por onde pensamos que debe crecer, na rúa Betanzos e ao lado do instituto. Non queriamos excesivos crecementos nas parroquias.

-Sitúan a ampliación do CEIP Sada y sus Contornos e a protección de As Brañas e Meirás como primeiras actuacións.

-Cando entre en vigor o PXOM hai certas cuestións a priorizar, unha pode ser a ampliación do colexio, xa que hai un planeamento detallado para facelo, tamén botar a andar o plan de protección e ordenación e de infraestruturas das Brañas, para preservar ese espazo.

-Tamén falaron do plan de protección de Meirás, un tema co que Sadamaioría tropezou co BNG, en que consistirá?

-O ámbito do pazo queda remitido a un plan especial de protección do patrimonio e por primeira vez unha disposición normativa, como é o PXOM, di que cando se desenvolva o BIC as torres de Meirás pasarán a ser propiedade pública en base a unha serie de modificacións normativas que habería que facer, e mesmo xudiciais, na Lei de Memoria Histórica. Ese plan especial analizará e desenvolverá a zona, non sei se o acometeremos de inmediato, pero e bo que se empece a traballar nese sentido.

-Que contempla de crecemento?

-Unhas 3.000 vivendas, que se creza en torno a 20.000 habitantes durante a vixencia do plan, de 16 anos. O plan debe prever o futuro.

-Para cando as demolicións do Náutico ou La Sociedad?

-Na Náutico hai unha sentenza que di que hai que derribalo, e o PXOM non o legaliza. Branco e en botella..., hai que darlle unha solución. No caso de La Sociedad, tamén hai sentenza, pero está dentro das competencias de Costas e será esa Administración quen deberá executala.

-Cantos ámbitos hai afectados por sentenzas e ten o Concello que asumir algunha responsabilidade patrimonial por elas?

-Os do Meu Lar, Porto Brasa, A Soleada e Pazos. Teñen diferentes solucións, pero partindo da base de que o plan non legaliza nada, o único que da é posibles solucións de acordo a legalidade vixente. Nós non temos ningún tipo de responsabilidade patrimonial iniciada e as que viñeron fóronse salvando todas, polo que serán os propietarios ou promotores quen deban estudar como quedan.

-Como se recolle o hotel?

-O que se reflicte no PXOM é unha ampliación dos usos existentes compatibles co hostaleiro, non hai outra variación, o único que non se vai poder facer é apartamentos turísticos, que están expresamente prohibidos. Xa se levara a aprobación provisional no 2016 e queda como estaba.

-Que salientaría deste plan?

-Basicamente que temos un plan. O plan iníciase no 2007 con María José Carnota na concellería, daquela BNG-PSOE, e a ordenanza urbanística provisional dáse no 2006, co cal levamos once anos de provisionalidade, polo que ter un plan que dote de seguridade xurídica tanto os investimentos da xente como os que podamos nós acometer é a grande noticia. Xa sabemos como, a onde e de que forma imos crecer, e a xente xa sabe como vai poder acometer a súa casiña ou as empresas que queiran vir a esas bolsas industriais van coñecer as regras de xogo coas que contamos, máis cun concello como Sada con esa problemática e impericia xudicial como política. Por fin imos a estar máis tranquilos.