Os domingos, anubrado

La Voz

MIÑO

LA TRIBUNA CARLOS VÁZQUEZ | O |

25 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O PORQUÉ ninguén o sabe. O que si se constata é que durante o verán abundan os domingueiros frustrados. Demasiadas veces a cámara de retratar cambia a intensa luz exterior por esa outra panorámica escura, fría e normalmente de interior. Si, do interior do coche porque fóra non hai quen demo pare co frío. ¡Que llo pregunten ós que estiveron este domingo na Mariña ou en Miño! Entre a xente corre xa o murmurio de que tal situación se repite un ano si e outro tamén. Poida que todo se reduza a algo tan simple como que durante o inverno non nos fixamos tanto. De calquera forma, si parece que o tempo lle ten certa manía ó domingo. Claro que ó mellor é o propio domingo quen nos ten manía a nós; que iso tamén pode ser e motivos ten dabondo. Pero dá non sei qué ver viaxar á xente dunhas praias para outras en busca do tesouro agochado tralas intensas nubes. Viaxe que pouco a pouco vai extinguindo, non os incendios, pero si o día de lecer. Por iso, en vista do mal tempo, a moitos deunos por saír da autoestrada e botar a andar polas estradas e camiños, aproveitando que agora están secos. Algo que haberá que repetir de seguir co maleficio.