Un modelo a seguir

Julio Sacristán

CULLEREDO

MARCOS MÍGUEZ

Foi pioneira na representación política da muller e deixou pegada por pelexar polas causas de xustiza

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

on era nada sinxelo para unha muller de ideas progresistas introducirse na vida política de 1979, no primeiro mandato municipal da democracia. Pero Josefina Vázquez loitou con perseveranza coa forza dos seus ideais para desenvolver un traballo reseñable en favor dos veciños de Culleredo.

Foi pioneira na representación política da muller, presentándose na lista socialista naquelas eleccións. De feito foi a única muller da corporación, pero deixou pegada pelexando por todos os dereitos que considerou de xustiza para a cidadanía. Unha das causas que máis se lembran encabezadas por Josefina foi evitar que unha coñecida empresa captara auga da fonte de Vigovidín, en Almeiras.

Man a man cos veciños opúxose a aquela posibilidade e o manancial permaneceu para o uso cidadán. Tamén quedou para o recordo a súa loita, con éxito, para o peche dunha fábrica de rótulos que funcionaba nun baixo e empregaba produtos perigosos. Seguramente só ela saberá todo o que tivo que aturar naquela época por aquela defensa férrea dos dereitos dos cullerdenses. Pero se mantivo firme polo que consideraba xusto conseguindo un merecido recoñecemento ao seu labor.

O benestar dos veciños foi a base do seu traballo como concelleira. Tras abandonar a actividade política, seguiu vinculada á vida social do municipio. Estivo á fronte da asociación de Amigos da Corveira, onde residía. Froito do seu traballo na entidade logrou que a antiga escola, unha vez que quedou en desuso, se convertera nun local para a utilización por parte dos veciños, de novo o motivo dos seus esforzos.

É un orgullo que teñamos en Culleredo unha precursora como Josefina. Incansable, pioneira. Un modelo a seguir. Descanse en paz.