Os libros do verán

Lorena Bembibre

CARRAL

Edgardo Carosía

Lorena Bembibre, autora do blog «Lo en las Nubes», conta os veráns por libros 

16 ago 2019 . Actualizado a las 12:28 h.

Cando eu era pequena, alá polos oitenta, os veráns eran apaciblemente semellantes. Un tempo na casa, esperando pola praia polas tardes, despois de que mamá fixera o xantar ben cedo para deixar todo recollido antes de saír; e despois o marabilloso momento de marchar para a aldea. Había algunha nena rara que non tiña aldea e marchaba de vacacións a lugares como La Manga del Mar Menor (aínda gardo unha postal), pero só había unha e non lle prestabamos moita atención.

Se non fose polas miñas lecturas sería difícil distinguir un verán doutro. Recordo o ano en que descubrín as novelas románticas que gardaba miña madriña: Bianca, Jazmín… nomes evocadores para libros de calidade máis que cuestionable nos que aprendín que aquelas mulleres sufrían demasiado por amor. Houbo tamén o momento no que descubrín xunto aos meus curmáns aos Hollister, un grupo de irmáns estadounidenses que vivían aventuras incribles. Ese ano convertemos a nosa aldea en Pine Lake e devoramos tódolos seus libros: Los Hollister van al río, Los Hollister y el tesoro indio… Chegamos a convencernos de que tiña que haber ruínas indias en Carral.

Houbo un verán diferente no que enfermei de pneumonía e fun confinada a gardar cama durante un mes. Eu atopábame ben, pero a palabra do médico non se discutía e a min serviume para pedirlle a todo aquel que me visitaba un libro de Puck. Puck era unha nena danesa que vivía nun internado feminino no que todas eran inmensamente felices. Eu curei a pneumonía e, no fondo, esperaba que meus pais decidiran librarse de min e cambiasen o meu vulgar colexio por un internado danés. Afortunadamente non o fixeron. Antes de Puck houbo un verán no que non recordo lecturas. Foi cando morreu o meu avó. Seguro que lin bastante, pero a memoria ten estas cousas e a primeira morte próxima borrouno todo.

Un dos maiores temores dos lectores é quedar sen lectura na metade das vacacións. Iso ocorreume dúas veces. A primeira acabei mergullando entre libros esquecidos e descubrín a Pearl S. Buck. A segunda non tiven tanta sorte; ocorreu nunha viaxe por Europa e só atopei libros en inglés. Aí fun consciente de que a necesidade de ler está por enriba da lingua. Agora cando marcho de viaxe dedico moito máis tempo a decidir os libros que viaxan comigo que a seleccionar a roupa que vou levar. Quedar sen roupa ten arranxo, quedar sen lectura é demoledor.