LUZ DE CRUCE | O |

17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«MARIÑÁNS e montañeses...» Así empeza Manuel Lugrís Freire o discurso pronunciado en Betanzos o 6 de outubro de 1907, a primeira vez que o galego se empregou en público nun acto político. Fálase moito, e con razón, da importancia pioneira da súa intervención. En cambio, o seu contido coméntase menos. Quizais porque sempre fomos máis de valorar as formas sobre o fondo. Naquel día de hai xa case cen anos, Lugrís defendeu a validez da lingua que seguramente entendían e falaban a maioría do seu auditorio. Pero tamén falou dos emigrantes que saían dunha terra «inzada de lobos» e ilustrou cun vello conto a necesidade de asociarse e a solidariedade. O galego servía para denunciar inxustizas; na actualidade non perdeu ese valor. Como mariñán, non podo evitar simpatizar cun paisano que falou ben claro dende o mesmo Cantón no que tanto teño xogado sen decatarme da súa condición de escenario histórico. E como mariñán, non podo evitar sentirme interpelado, na distancia do tempo, por un discurso pioneiro que semella non perder vixencia. Inspírame o que outro clásico galego: hai que reflexionar. Son moitas as cousas que se din arredor do Día das Letras. Moitas parecen enfrontadas cando en realidade son complementarias, xa que a lingua debería ter vida dabondo para acoller toda clase de iniciativas. Pero o debate non se pode deixar para o 17 de maio. É certo que unha data de celebración ten que ser vistosa e leda, pero a festa por si mesma non gañará os falantes que tanto necesita o galego. Cómpre mudar moitas cousas. A primeira, un modelo de escola en galego.