Foi unha historia común, de xente do común, facendo camiño, traballando arreo día a día xunto a xente comprometida
08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Case que corenta anos median entre aquel 1986 no que se inauguraba o mercado de Monte Alto e este final de 2025 no que se estreará un novo espazo máis funcional e operativo adaptado as necesidades dun recinto de abastos moderno. Este exercicio de retrotraerme a aquela etapa permíteme medir con maior perspectiva a magnitude do traballo despregado pola asociación veciñal de Atochas-Monte Alto, ao que contribuíu cada integrante de xeito exemplar.
Foi unha historia común, de xente do común, facendo camiño, traballando arreo día a día xunto a xente comprometida, unha testemuña muda do paso de tanto tempo. Asumíamos o compromiso social, mais tamén o desafío de reivindicar todo tipo de melloras para o barrio: o mercado, a escola infantil Luís Seoane, a presión para impedir que o Deportivo privatizara a Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias ou a construción da biblioteca pública do parque de Marte, sen esquecer as peticións de sumidoiros, pavimentación ou puntos de luz dos que adoecían moitas rúas.
Puiden comprobar o gran prestixio social e mediático de que gozaba aquela asociación que simbolizaba a afirmación veciñal e social da nova realidade que se estaba a procurar con xente nada conformista nin acomodaticia, senón moi consciente do traballo que era necesario para acadar un barrio máis habitábel e solidario.
A reivindicación do mercado foi o primeiro grande éxito forxado no transcurso da primeira corporación democrática e executado na seguinte trala compra da parcela aos herdeiros da familia Cervigón. Agora que está a piques de estrearse o novo mercado non me resisto a afirmar que aquela asociación veciñal foi un observatorio perfecto dos cambeos producidos perante case 40 anos. Sirvan estas liñas para render tributo a toda aquela xente coa que compartín a satisfacción de haber contribuído a rexistrar para a historia un extenso mosaico de infraestrutura para o barrio. Aínda que pareza que foi onte.