A Filmoteca de Galicia proxecta o filme galego «Á procura da estrela»

la voz A CORUÑA

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

Será a partir das 20.30 horas deste mércores no CGAI, e contará cun coloquio da man do director, Carlos Martínez, e do produtor, Andrés Sanjurjo

31 ene 2024 . Actualizado a las 18:16 h.

A Filmoteca de Galicia acollerá a tarde deste mércores a proxección da película galega «Á procura da estrela», gravada integramente na Serra da Estrela, en Portugal. O filme dá voz a unha antiga lenda a través da viaxe dun técnico de son dos nosos días. Pasado e presente enfrontados. O personaxe principal, Xoel, chega ó macizo luso para rexistrar os sons en vías de extinción da montaña máis alta de Portugal, cando unha misteriosa melodía o leva a perderse. A partir dese momento a viaxe de Xoel converterase nunha analoxía da lenda que dá nome á rexión: a do pastor e a estrela.

O acto dará comezo ás 20.30 horas no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e contará coa presenza do director, Carlos Martínez-Peñalver, e o produtor Andrés Sanjurjo, que participarán nun coloquio trala proxección da película.