Siro López: «Cambiei a tinta por un pincel e aí atopei a miña personalidade artística verdadeira»

Lidia Fernández A CORUÑA/ LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

Unha exposición recolle na Coruña a obra pictórica do debuxante nos 30 últimos anos

31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai un dito que me gusta moito. É o seguinte: na Coruña ninguén é forasteiro. Non podo estar máis de acordo». Con estas verbas quixo agradecer Siro López, un dos caricaturistas políticos de referencia dende as páxinas de La Voz de Galicia, a boa acollida que sempre lle brindou a cidade. Esta mesma urbe foi onte testigo do seu legado. 81 anos de vida, pero sobre todo dunha prolífica obra pictórica que non deixou indiferente a ninguén. Proba diso é a cantidade de xente que acudiu ao Kiosko Alfonso a darlle o seu apoio na inauguración da exposición que leva o seu nome: Siro, oitenta e un anos e un lapis.

Amigos, compañeiros, pero sobre todo seguidores da obra deste ferrolán, que veu á Coruña en 1985, e xa non quixo marchar máis. «No primeiro ano que estiven aquí como caricaturista político tiven moita repercusión. Iso permitiume realizar a miña primeira exposición. Agora, 35 anos despois, teño a oportunidade de dar a coñecer todo o que fun facendo neste tempo», explicou quen xa é todo un símbolo da vida cultural, política e social da cidade. «O que máis vai sorprender é que das máis de 6.000 caricaturas que fixen, aquí non se atopa ningunha», aseguró, en referencia ao traballo polo que máis se lle recoñece.

Non obstante, esta produción satírica que quedou fóra da mostra si se recolle nun vídeo con 300 das súas caricaturas máis emblemáticas que os visitantes poderán ver e desfrutar. «Porque se algo teño claro é que non vou renunciar á caricatura política», asegurou.

Porén, poñer o foco de atención nas múltiples facetas artísticas que cultivou Siro López é un dos obxectivos cos que se xestou esta exposición. Visibilizar o talento artístico do que fixo gala toda a súa vida. Obras que non se limitan a un movemento. Todo o contrario. Se algo destaca da súa produción é, sen dúbida, o seu afán por experimentar.

Hai naturalismo, expresionismo, minimalismo e, incluso, surrealismo nalgunhas das súas pinturas, nas que a cor sae literalmente do lenzo e produce unha emoción diferente en cada espectador. Medo, ilusión, esperanza. Aínda que tamén erotismo, no sentido máis puro e natural da palabra. Os seus espidos femininos non son gratuítos. É puramente arte. Do mesmo xeito que os seus retratos, nos que é capaz de captar á perfección os sentimentos dos personaxes aos que ilustra.

«Gústame experimentar coa pintura. Toquei todas as técnicas e temáticas. Pero sempre con dúas preocupacións. A primeira debuxar en galego», confesou, admitindo que «foi unha meta que me propuxen sempre e que cumprín algunhas veces». «A outra crear un estilo propio, o que conseguín despois de moitos anos. Cambiei a tinta e o rotulador por un pincel, a tinta china por témpera, e o papel por un cartón», profundizou sobre a constante evolución e aprendizaxe que carecterizou a súa traxectoria profesional. «Aí foi onde atopei a miña verdadeira personalidade dentro do mundo da arte», afirmou, satisfeito por ter logrado perfeccionar as diferentes vertentes que compoñen o eido artístico. «Dáme a impresión de que non o fixen mal de todo, como creador pero tamén como persoa», concluíu Siro López.