Marisa Castro: «Quero contar aquilo que eu vin e que se está perdendo»

Andrés Rey, R. D. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Cedida

Este sábado, ás 19.30 horas, a autora presenta o seu libro «A saga das curandeiras» na Feira do Libro da Coruña.

03 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marisa Castro (Lugo, 1955) é filla de curandeiros. Naceu no rural, medrou entre labregos, pero conseguiu estudar na universidade, deixar que «pasara por ela». Entrou en Bioloxía, fixo a súa tese de doutoramento sobre cogomelos e, no 1982, converteuse na primeira persoa en publicar unha guía de divulgación micolóxica en galego. O ano pasado, despois de tres decenios como profesora na Universidade de Vigo, decidiu adentrarse no mundo da narrativa. A saga das curandeiras viu a luz. 

—Como empezou a súa conexión coa Bioloxía?

—Eu sempre tiven claro que quería marchar do campo, non quería vivir traballando de sol a sol sete días á semana. Ao principio, cando pensei en estudar, pensei en facer Veterinaria. Parecíame unha forma de axudar á xente do rural, porque vía as calamidades que se pasaban cos animais. Pero Veterinaria quedaba moi lonxe, en León, e a raíz dun profesor que tiven descubrín que a Bioloxía podía ser una boa alternativa. Entrei na facultade coa idea de adicarme á zooloxía, pero coñecín a Luís Freire, un home extraordinario. A miña vida cambiou totalmente e enfocouse cara á botánica e, sobre todo, a micoloxía, que era o que naquel momento estaba peor coñecido en Galicia.

—Vostede empezou publicando ensaios.

—Si, na universidade unha parte é docencia e outra parte é investigación. Eu estiven toda a vida investigando, porque era a maneira de chegar a ser profesora titular e de manterme. De todas maneiras, a divulgación sempre me apaixonou. Necesito chegar ás persoas. E co que é científico puro non se chega ás persoas da rúa, por así dicilo. Eu críame na obriga de contactar con elas e contarlles aquelo que estabamos facendo, o que conseguiamos na ciencia.

—E que a levou a adentrarse no mundo da narrativa?

—Paréceme que as persoas de cidade descoñecen moito o que é a Galicia profunda. Como sempre me gustou escribir, pensei que esa podía ser unha boa primeira entrada. Contarlles aquilo que eu coñecía, que eu vivía, que eu vin e que se está perdendo. Se ninguén deixa negro sobre branco, evidentemente iso vai desaparecer. Esa era unha das cousas que me apetecían, e tamén falar do mundo do curandeirismo. Creo que llo debía ao meu pai e ao meu avó, a toda a familia que deu moito, a veces moi pouco agradecido e outras moito. Eu tiña moitas historias recollidas de visitas que fixen a curandeiras ao longo da miña vida, pero iso non se podía publicar con nomes e apelidos. Ese tipo de persoas normalmente non queren falar do tema, sobre todo a xente de antes, que era moito máis perseguida que agora. Son persoas que queren pasar o máis inadvertidas posible. Así que collín a figura desta curandeira ficticia, desta saga de curandeiras, e a través delas contei todo o que eu sabía.

—Como foi o proceso de documentación?

—É a miña vida. Durante unha época, a miña nai visitou a algunhas destas mulleres e eu sempre ía con ela. E íame quedando con todo iso, e algunhas cousas apuntábaas. Iso foi o que agora me deu xogo, e tamén que traballei moito en etnobotánica, etnomicoloxía, e tiña esa información comigo.

—Como describiría á figura do curandeiro?

—Os curandeiros eran persoas cunha sabiduría innata e aprendida, as dúas cousas. Tiñan un don, unha forma diferente de chegar á xente e sabían moito. Trataban as enfermidades que lles contaban. Hai unha frase que me gusta moito, de García-Sabell, que usa Cunqueiro en Escola de menciñeiros, que di que quen vai a un curandeiro non vai para que lle diagnostiquen unha enfermidade e lle dean un tratamento; vai para que lle fagan unha cura total. É dicir, na parte espiritual e na parte corporal. Por iso os curandeiros eran tan eficaces. Moitos serían tratamentos incluso placebo, pero feitos con fe, con esa credibilidade, funcionaban. Moitos dos seus remedios non tiñan ningún tipo de explicación, pero funcionaban. Eran moi cercanos aos clientes e moi xenerosos. Non cobraban en diñeiro, cobraban en especie: «Non te preocupes, non hai problema, xa mo corresponderás», dicían. E tamén eran moi responsables. Se vían un óso partido ou algo que non estaba claro, sempre aconsellaban ir ao médico. Polo menos iso é o que eu vin na casa.

—Como vai ser a presentación?

—Levo xa bastantes presentacións, e o que sempre adoitamos facer é falar un pouco da novela e logo deixar ao público que pregunte. A min gústame moito —creo que pola miña derivación docente— o ir e vir. É dicir, se vai nos dous sentidos é útil, se non non tanto. As miñas presentacións adoitan ser longas, porque a xente pregunta e se integra. É un mundo que intriga, que algúns coñecen en parte... Vai ser unha presentación-coloquio e estou completamente aberta a responder todo o que saiba.

—Planea continuar pola vía narrativa?

—Si, e polo menos o próximo traballo vai ir polo mesmo camiño. Quero destacar o papel das mulleres no campo. Como o pasaron, como viviron e a forza das que conseguimos saír (inclúome), abandoar aquela dominancia masculina. Esa imposición dos pais de coidar sempre a honra e non pensar nunca na felicidade das persoas, en mellorar ou facer as cousas doutra maneira. Na muller iso sentiuse moito máis que no home. Xa estou escribindo, pero vou lenta porque a veces é complicado. Revívense moitas cousas e a veces costa traballo. Non é biográfica, pero no fondo si.