O Antroido coruñés de 1813

Xosé Alfeirán A CORUÑA

A CORUÑA

Atopan o testemuño máis antigo do carnaval da Coruña: así nos vía o inglés John Milford

21 feb 2023 . Actualizado a las 15:04 h.

Andar de troula e durmir de pé. Non, non é un costume recente na Coruña. Xa o deixou escrito o viaxeiro e periodista inglés John Milford na súa obra Peninsular Sketches, publicada en Londres en 1816. Estivo na Coruña e deixou testemuña de como se viviu o carnaval de 1813 na cidade. A festa comezou o 25 de febreiro, xoves de comadres, e rematou o 3 de marzo, mércores de cinza. Para un inglés civilizado e descoñecedor das entroidadas debeu ser a repanocha. Así comenta que a xente parecía «estar fóra de si» e que desde os «vellos tolleitos» ata os «nenos rebuldeiros» so buscaban as formas máis ridículas para se divertir e expresar a súa alegría. E eran tempos de guerra. Neses momentos, españois e ingleses combatían na península contra os franceses de Napoleón. Que se llo digan ao morto de sir John Moore! O Antroido é o Antroido.

Milford di que día e noite as rúas estaban cheas de comparsas, bailando con máscaras. Tamén cóntanos como ían disfrazados e que facían daquela os choqueiros coruñeses: «Algúns coas súas caras ennegrecidas, outros cubertos con sacos e con paus nas mans. Un andaba en forma de asno (…), exercendo o privilexio gratuíto (…) de dar coces a todos cos que se atopaba. Outro corría a toda velocidade polas rúas cunha tixola, trastornando aos numerosos grupos que ían montados en carretillas. Un ía vestido de oso e outro de mono; un levaba cornos na cabeza e outro unha cola colgando por detrás. Un atara a súa capa ao redor da cintura á modo de enaguas, e outro levaba a súa roupa ao revés. Algúns levaban gola e outros calzóns grandes ao estilo suízo; varios agachábanse en ringleira para que outros puidesen saltar sobre eles, e moitos corrían arriba e abaixo, movendo mans e pernas coma se estivesen tolos». E remataba dicindo: «Ao chegar a noite, tanto as clases superiores como as inferiores, organizaban mascaradas, e volverse tolo estaba fora da discusión; porque durante estas festas toda a cidade presentaba unha continua escena de disipación, puerilidade e confusión». Que viva o Antroido coruñés!

Obra publicada en Londres

A testemuña de John Milford, recollida na súa obra Peninsular Sketches publicada en Londres en 1816, é de momento a máis antiga que temos sobre os disfraces dos choqueiros urbanos da Coruña e as diversións que se facían na cidade durante o Antroido. Paga a pena ler o anaco enteiro que dedica na súa obra a contarnos o que lle chamou a atención durante esa semana de troula de 1813 [as palabras en cursiva están así escritas no orixinal inglés]:

«O 25 de febreiro comezou o entroido, e continuou ata o 3 do seguinte mes. Nesta ocasión os españois parecían estar absolutamente fóra de si; non se pensaba máis que nas formas máis ridículas para expresar a súa alegría. Vellos tolleitos e nenos rebuldeiros reunidos en busca das diversións máis puerís. A xente do campo viña á cidade e noite e día as rúas enchíanse con diferentes compazes, ou festas de seis ou oito homes e mulleres, bailando en masque; algúns coas súas caras ennegrecidas, outros cubertos con sacos e con paus nas mans. Un andaba en forma de asno, papel que representaba fielmente, exercendo o privilexio gratuíto dese animal de dar coces a todos cos que se atopaba. Outro corría a toda velocidade polas rúas cunha tixola, trastornando aos numerosos grupos que ían montados en carretillas. Un ía vestido como un oso e outro como un mono; un levaba cornos na cabeza e outro unha cola colgando por detrás. Un atara a súa capa ao redor da cintura á modo de enaguas, e outro levaba a súa roupa ao revés. Algúns levaban golilla e outros calzóns grandes ao estilo suízo; varios agachábanse en ringleira para que outros puidesen saltar sobre eles, e moitos corrían arriba e abaixo, movendo mans e pernas coma se estivesen tolos; todas as bruxas tiñan o acompañamento melodioso de diferentes tipos de música. Moitos dos bailes Galiego foron ben executados, mentres que os participantes ían moi ben vestidos, e usaban as castañolas en bo tempo. Ao chegar a noite, tanto as clases superiores como as inferiores, organizaban mascaradas, e volverse tolo estaba fora da discusión; porque durante estas festas toda a cidade presentaba unha continua escena de disipación, puerilidade e confusión».

Milford, un dos primeiros turistas ingleses do chamado necroturismo visitando na Coruña a tumba de Moore, non o recolle na súa obra, pero sabemos polos bandos municipais publicados nesa época que entre as diversións do carnaval coruñés estaba tamén o lanzamento de ovos, laranxas e augas sucias aos veciños e persoas que ían polas rúas neses días. E que remataba a troula coa queima do Antroido.