José Manuel Oreiro, psicólogo: «O sistema funciona, a zona dramática son as mulleres ás que non chegamos»

A CORUÑA

O especialista da Oficina de Atención ao Cidadán dos xulgados da Coruña asistiu a 80 vítimas de violencia machista no 2020 e salienta a importancia de denunciar para estar protexidas

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o impacto dos homicidios e asasinatos non negue os «avances importantísimos» na loita contra a violencia machista, subliña o psicólogo José Manuel Oreiro desde a Oficina de Atención á Vítima e o Cidadán dos xulgados da Coruña. «Non ten nada que ver, hoxe non se toleran actitudes que se toleraban hai 30 anos», di. No 2020 atendeu a 80 vítimas na sede da rúa Monforte. O desconcerto, a confusión e a perda de control sobre a propia vida e a dos máis achegados acompañan o paso polos tribunais de xustiza.

«A primeira intervención é de emerxencia, de auxilio psicolóxico. Despois veñen outras máis a largo prazo, tamén coa traballadora social, dirixidas a restablecer o control da súa vida, buscar apoios e recursos, axudas de tipo social, económicas ou de vivenda».

O procedemento xudicial é farragoso, pero trae protección. «No 2020 só o 15 % das mulleres mortas en España presentaran denuncia. A policía cumpre o seu traballo, a Garda Civil, os servizos sociais. O sistema funciona. O problema -incide Oreiro- son as mulleres ás que non chegamos, as que non son capaces de chegar aos servizos de axuda, porque no saben, porque non coñecen ou porque non poden. As estranxeiras (o 10 % da poboación e o 50 % das vítimas mortais no 2021) son moito máis vulnerables, as mulleres con discapacidade, as mulleres no rural. Aí está a zona máis dramática do problema. Para as mulleres que son capaces de chegar, a rede de recursos é razoable».