Raís sen tranvías

Ricardo Vales TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

Raíles tranvía
Raíles tranvía ANGEL MANSO

01 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cabe supoñer que os raís incrustados en diversos tramos da calzada non son tan só unha imaxe ou un símbolo decorativo da cidade. Non son unha peza do patrimonio histórico a conservar, nin tampouco forman parte das reformas urbanas orientadas a potenciar os fundamentos de racionalidade. Cabe supoñer, en troques, que deberían cumprir unha función, aínda que o tranvía leve anos sen funcionar. Claro que os promotores do tranvía pensaron neste transporte como algo meramente turístico e era iluso que non pensaran naquel intre qué facer cos raís unha vez que non foran necesarios. O tranvía é unha herdanza directa do urbanismo irracional e maltreito dunha determinada etapa ata o punto de ser presentado no seu día como «unha sinal de identidade que define A Coruña como cidade».

Pois ben, en menos dun mes fun testemuña do castañazo de dous motoristas na curva entre o hotel María Pita e a praia do Matadoiro, unha das zonas máis transitadas do paseo marítimo. Así que reflexionando ao trote sobre os trastornos que os raís ocasionan ao tráfico rodado, pensei que sería moi oportuno esixir o seu soterramento antes de que alguén poida sufrir graves danos. Como é probábel que a Policía dispoña dunha estatística destas incidencias presumo que o goberno local estará ao corrente. Podería converterse no punto de partida para unha operación de promoción municipal na vindeira lexislatura. Nin que dicir ten que a desaparición dos raís acabaría con moitos dos incidentes que paralizan as miradas de moitos transeúntes. Por algo se empeza.