Viveiro volcouse no nomeamento de Luz Pozo como Filla Adoptiva

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A CORUÑA

Pepa Losada

Ducias de cidadáns encheron o Teatro Pastor Díaz no acto de homenaxe á poeta e académica, de 96 anos

19 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co público que encheu o Teatro Pastor Díaz posto en pé entoando o Himno Galego rematou o emotivo acto co que Viveiro nomeou onte Filla Adoptiva a Luz Pozo Garza. A poeta, ensaísta e académica, que naceu en 1922 en Ribadeo, recibiu o diploma que acredita a distinción nunha cita que a alcaldesa, María Loureiro, cualificou de «especialmente solemne e emotiva», e na que Pozo estivo arroupada por familiares como o seu fillo Gonzalo, numerosas autoridades políticas e sociais, como o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, e multitude de cidadáns de a pé. Uns e outros destacaron o «altísimo valor literario» e humano da homenaxeada, que chegou á cidade do Landro con 7 anos, e alí viviu varias décadas en diferentes etapas da súa infancia, xuventude e vida adulta. «Viveiro, Viveiro, Viveiro... Canto te botei de menos naqueles anos da guerra! Viveiro, Viveiro, Viveiro... Canto te botei de menos naqueles anos de exilio!», deixou por escrito Pozo no libro de honra do Concello. O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, realizou un completo resumo pola traxectoria vital e poética da autora de obras como Concerto de Outono ou Vida secreta de Rosalía, e definiu o nomeamento como un «acto de xustiza social».