Gaiteirada de Guinness en Mesía

A CORUÑA

cesar delgado

A asociación veciñal desta parroquia de Mesía cita aos músicos hoxe, ás catro da tarde, na carballeira de San Antón, para tocar a «Muiñeira de Lugo» durante cinco minutos para bater o récord que teñen gaiteiros de Bulgaria

07 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Olas, unha parroquia de Mesía, viven máis de 300 veciños, pero son os residentes de 12 casas os que lograron elevar este lugar ao berce do orgullo gaiteril patrio. Dalí partiu a intención de superar o récord Guinness de músicos tocando a gaita, que ata o momento ostenta Bulgaria, tras sumar 333 intérpretes hai cinco anos na capital, Sofía, nunha conquista que se viviu como un logro para o país.

 Os de Olas fixeron un primeiro intento con máis vontade que posibilidade de éxito, que se celebrou o pasado 17 de xuño. Acudiron máis dun centenar de gaiteiros, cantidade insuficiente para lograr o obxectivo, para o que se precisan 334. Con máis tempo para publicitalo e atendendo a petición de que se fixera despois da axenda festiva do verán que deixa o fol dos gaiteiros sen aire de tanta festa, a Asociación Veciñal San Antonio de Olas volve a convocar para ver se á segunda poden remitir as evidencias ao persoal do libro Guinness que avalen que se logrou superar en número aos búlgaros.

 

Romaría popular

A proposta é curiosa para unha entidade que recoñece que por non ter non ten actividades ligadas ao folclore ou á música tradicional, como outras, senón que centra os seus esforzos, dende hai unhas tres décadas, en celebrar a festa de San Antón o 13 de xuño, unha cita que agora trasládase ao sábado máis próximo. «Antigamente ía a xente de romaría, de comida e estase recuperando a tradición, nós apostamos por unha festa diferente, promovemos a música galega, xa sexa rock ou folk», comenta a presidenta veciñal, Cristina Castro, que di que levan intentando cambiando a festa un lustro e amosar que «hai máis cultura que a das orquestras» para este tipo de festexos.

«A asociación é moi pequena e non tivemos nunca posibles para facer outra cousa máis ca festa», recoñece con sinceridade a presidenta veciñal e artífice do envite aos búlgaros. Iso si, a entidade veciñal pode gabarse de contar con catro gaiteiros para sumar a proposta do Guinness, que tocan na Asociación de Baile e Música Tradicional de Mesía. Foi Castro quen mirando Internet reparou no récord de gaiteiros e decidiu que se podería facer unha solicitude de proba tendo en conta «a tradición que hai en Galicia tanto de música, como de fala e tendo unha cultura diferente».

A organización tardou catro meses en responder, a unha semana para convocar aos gaiteiros, xa que quixeron mantelo para o 17 de xuño. «Quixemos facelo intento daquela e tivemos a sorpresa de que nola aceptaron», comenta Castro, recoñecendo que foi unha cita bonita aínda que non se lograse bater o récord, xa que os gaiteiros que se sumaron ao intento encheron a festa de música, integráronse cos veciños, serviu como un improvisado encontro folclórico e tamén como unha primeira toma de contacto para encarar agora, en outubro, unha segunda cita que se augura como definitiva. Na primeira xogou en contra, tamén o climatoloxía, xa que o calor abafante fixo desistir a moitos músicos.

«Escollemos o día 7 porque era sábado e porque estamos saíndo do verán, xa se acabaron a maioría das festas e foi o que nos pediron os gaiteiros que viñeron a primeira vez, porque no verán teñen moitos compromisos», recoñece Cristina Castro, que ben a podían contratar como promotora turística da zona. «Olas é un sitio moi bonito, cun val, cun río, contamos con rutas de sendeirismo, cun polideportivo, un campo de fútbol, e unha zona próxima para ir comer unhas boas troitas», explica para animar a sumarse a convocatoria.

«A carballeira é moi agradable, e xa non quedan lugares así», comenta sobre onde se cita aos músicos e di que puxeron en marcha unha promoción importante polas redes para que non quede gaiteiro en Galicia sen enterarse da proposta para lograr que a súa fazaña entre no libro Guinness. «En Google Maps puxemos ata unha chincheta para que a xente poida chegar», indica e tamén deixan dous teléfonos de información para quen queira saber máis: 679 706 389 ou 658 491 792.

 

Unha única peza

Para quen queira animarse e practicar para esta cita, o que hai que lograr é tocar a Muiñeira de Lugo, durante cinco minutos en do para que a proba sexa válida. É a mesma peza que propuxeran en xuño. No seu día os búlgaros lograran o récord tras 9 minutos e 13 segundos tocando oito cancións da zona de Ródopes con gaitas kaba, típicas desa rexión. Con anterioridade o récord ostentárao Escocia xuntando a 250 intérpretes.

Pódense facer os intentos que se queiran, precisa Castro, sempre e canto no se intenten validar e non pasen. Ante a falta do quorum na anterior cita, desde a Asociación Veciñal de Olas non mandaron nada e agora teñen a esperanza de que con máis tempo se logre reivindicar sen ningunha dúbida o trono mundial de gaiteiros para Galicia, xa que din que «de gaitas entendemos abondo!».