Cavar, arar e outras formas para golpear as ideas

David Barro DIRECTOR DE LA FUNDACIÓN LUIS SEOANE

A CORUÑA

30 sep 2015 . Actualizado a las 16:28 h.

Unha das facetas menos estudadas de Luis Seoane é a súa obra gravada. Dicía Seoane que cavar, arar e gravar son concepcións dunha proximidade primixenia. Unía así o xesto de arar a terra co de asucar unha prancha de gravado, rasgando a superficie da madeira. Para el o gravado foi o primeiro xesto do home e sempre valorou a súa enorme capacidade para o comunicativo. Trátase de gravar como labran os labregos, como gravan os nenos nos pupitres das escolas. Seoane aspiraba a ver multiplicada a súa obra para chegar ao maior número de xente posible. Do gravado seducíalle a súa dimensión literaria e a súa condición popular. Aínda que dominou todas as súas técnicas, nunca se preocupou por estas calidades artesanais e si pola súa capacidade expresiva en tanto que posibilidade social única para a arte. O gravado será para moitos a gran faceta de Seoane, por cantidade, calidade e diversidade, por temática e expresividade, pola súa capacidade para conformar abstraccións, pola súa investigación de formas, polo azar, pola espontaneidade das súas vetas e polos ritmos imperfectos que nos conducen ao universo do románico.

A función e utilidade do gravado resultará básica e clave para Luis Seoane. Asumirao como oficio vernáculo, que nace na prehistoria, na pobreza e simplicidade de pedra máis dura que incide noutra máis mol. Por iso é polo que non trata de usar máis de dous ou tres pranchas de madeira e que reivindica a súa elementalidade como lugar para a imaxe plástica. Desde finais dos anos cincuenta, a obra gravada de Luis Seoane será un tanto salvaxe, chea de perspectivas distorsionadas e tensións, unha experiencia polifónica. Como na súa pintura, abundan figuras sintéticas e cabezas de perspectivas imposibles. Porque no gravado Seoane mostrarase máis fantástico que nunca, máis libre para expresar formas, para contrariar ritmos, para achegar signos e xestos variados á imaxe, para golpear ideas.