Este ano non fun a Brasil porque no verán fun á praia. Existen moitos Brasil. O meu, asócioo ao traballo, delicioso, pero traballo. Preguntarse que é Brasil é o mesmo que preguntarse que é América Latina, unha invención que debemos reinventar ou resetear nas nosas cabezas, unha identidade en constante movemento.
Para entender a cultura en Brasil hai que evitar os clixés máis repetidos: a súa condición exótica, mestiza, periférica, paradisíaca, tropical, mitolóxica. España é máis periférica que Brasil.
Tendemos a unir América Latina coma un todo que cremos comprender e, en cambio, sorpréndenos que nos confundan con ingleses ou franceses. Unimos unha zona tan basta, na que a súa xeografía en vez de unir, separa, coa selva amazónica, as montañas escarpadas dos Andes e con case todas as cidades principais situadas na costa, e non asumimos que moitos países viven de costas a outros e que custa máis viaxar entre eles que desde Latinoamérica a Europa.
Límites difusos
Meu amigo e gran artista brasileiro Ernesto Neto explica como unha xornalista finlandesa preguntoulle en Francia como se sentía ao expoñer en Occidente. El comezou a preguntar a todo o mundo se Brasil era Occidente. Todos dicían que non. Algúns desconcertados, porque ao final o Occidente é o punto máximo da civilización humana, ou iso é o que crían. Pero Neto encontra liberador non ser occidental. É confuso como o mundo se percibe xeométrico e os límites entre figura e fondo son moi claros. Os límites na sociedade brasileira son extremadamente difusos.
Os africanos e os indios son fundamentais para a historia do Brasil. Iso é ser brasileiro e non tanto o estudar Mesopotamia, Grecia, Roma, as grandes navegacións ou o descubrimento do Brasil. Esa é a orde cronolóxica doutra historia. En vez de ler a Lacan, Hegel ou Nietzsche, precísase atopar unha filosofía brasileira, prestar atención ao que os indios pensan, aos orishas, ás mans de santo. Pensar seriamente o que é o candomblé, a umbanda... Este verán fun á praia cun libro de textos de Luis Seoane, para pensar nas nosas cousas.