Sobre os grados

Xosé Luís Armesto REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

A CORUÑA

01 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Odía 3 de febreiro publicouse no BOE o real decreto que modifica a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e fai posible a existencia de graos de 180 créditos ECTS, con tres anos de duración. Na Conferencia de Reitores decidimos aplicar unha moratoria activa para analizar do punto de vista académico, con coherencia e rigor, se é conveniente modificar a actual duración dos graos. A nosa actividade comezou o 16 de febreiro coa realización dun seminario de traballo ao que foron convidados un bo número de expertos. Revisando a documentación atopamos as recomendacións do Consejo de Política Fiscal y Financiera publicadas en xullo do 2014. A súa medida 108 contempla permitir os graos de tres anos como forma de reducir o gasto no capítulo I (o de persoal). A modificación da duración das ensinanzas universitarias é pois unha decisión máis na liña doutras adoptadas polo Goberno: o decreto de suba de taxas, que incrementa o custe dos estudos para as familias; o decreto de bolsas, que dificulta a igualdade de oportunidades; a taxa de reposición, que impide a renovación dos cadros de persoal. En conclusión, non estamos a falar de cuestións académicas, profesionais ou de inserción laboral, senón dunha decisión económica e ideolóxica: recortar o servizo público da educación superior.

As declaracións da secretaria de Estado de Educación afirmando que a Universidade pública non é sostible, xunto coas actuacións comentadas, poñen de manifesto que o Goberno está a aplicar unha política no máis puro estilo neoliberal no momento en que a maioría dos estados cos que pretendemos converxer están a incrementar o investimento en formación para conseguir persoal máis cualificado e mellorar a produtividade a través da investigación e da innovación, as actividades con maior valor engadido. Na UDC comprometémonos a seguir reflexionando nesta moratoria activa co ciclo de conferencias e debates A Universidade pública posible que iniciamos o 4 de febreiro coa presenza do Profesor Mayor Zaragoza. Queremos provocar o debate social sobre un tema que transcende o ámbito académico, e que ten unha importante compoñente política e ideolóxica. Porque en temas como a educación a maioría absoluta non debería ser suficiente para lexislar.