«Se non queres caldo, non é lóxico que votes por tomar dúas tazas»

La Voz

A CORUÑA

Antón Sánchez (Alacante, 1974) é herdeiro dun xeito de entender a política como servizo. Do seu pai, Crisanto, quedoulle esa pegada. Despois de encabezar a lista do BNG en Bergondo, agora afronta una campaña nacional como candidato ao Senado.

-Dedícase á agricultura ecolóxica. ¿Como lle vai nestes tempos de crise?

-Vai moito mellor agora que hai dez anos. Agora a xente entende mellor que é e demanda máis. Teñen fama de ser produtos máis caros porque o circuíto de comercialización era moi longo, pasaba por moitas mans, pero agora a agricultura ecolóxica non é só non usar produtos químicos, senón tamén achegar a agricultura ao consumidor, polo aforro enerxético en transportes. Vendemos case directamente.

-¿É unha boa saída para o castigado agro galego?

-O agro é importantísimo para Galicia. Houbo un tempo en que parecía un atraso, o moderno era abandonar as terras. Pero nin Alemaña nin Francia o fan: todos os países que significan algo a potencian e protexen aos seus agricultores. En Galicia sería interesante potenciar a agricultura de calidade, é un sector que crea moito emprego e riqueza. Poida que os gandeiros non teñan gran rendibilidade, pero danlle de comer a moita xente.

-¿Pensa que dende o Senado se pode facer algo ou é unha cámara a extinguir?

-Primeiro imos cambialo e darlle unha utilidade. Debería ser a cámara territorial do Estado, e se fose así xogaría un papel na defensa de Galicia en temas como a política agraria común ou no naval, porque como territorio diferenciado necesita solucións propias fronte á discriminación por decisións que non a están tendo en conta. Se ao Senado non se lle da a utilidade que debería ter, como reflexa a Constitución, para seguir así, mellor eliminalo.

-¿Que tema lle gustaría que se debatese?

-O primeiro é o cambio de modelo, a reforma fiscal. Cremos que o espírito da Constitución, que non é nada revolucionario, era crear unha sociedade más igualitaria e solidaria. Entón, o primeiro é garantir un modelo no que os que teñan máis paguen máis e no que a sanidade pública e a educación sexan sagradas, non se toquen. Trátase de facer política para as persoas, non para os bancos.

-Aproveite, pida o voto.

-Neste momento o que me estraña é que se o PSOE de ZP e Rubalcaba vai ter un castigo severo pola política que seguiu, a xente aposte por esa mesma política pero intensificada, porque se ZP recortou e privatizou, Rajoy vai recortar e privatizar aínda máis. Se non queres caldo, non é lóxico que votes por tomar dúas tazas. O lóxico é que apoies a partidos que non defendan a economía especulativa, senón o apoio ás pemes, que plantexen máis impostos aos que máis teñen, que propoñan perseguir o fraude fiscal, reducir gasto militar, os privilexios da monarquía...